O Concello inicia as expropiacións para avanzar na humanización do mercado de Seixo

Marín
29 de marzo 2021

O proxecto contempla a construción dunha rúa con plataforma única con prioridade para os peóns e unha praza de usos múltiples

O goberno local de Marín estuda o proxecto de humanización da contorna domercado de Seixo Concello de Marín

A contorna do mercado de Seixo converterase no centro neurálxico do barrio despois da obra de humanización que o goberno local acometerá na zona, que gañará unha praza para uso público e verá mellorada a mobilidade tanto peonil como rodada. 

Para facer realidade o traballo, o Concello está inmerso agora nun proceso de expropiación que "avanza a moi bo ritmo", aseguran desde o goberno local.

 "O obxectivo é crear unha rúa de plataforma única, cun uso prioritario dos peóns e unha praza a nivel que poida permitir usos múltiples de ocio e de lecer", declarou o concelleiro de Medio Rural recoñecendo que tratan de adaptar o proxecto municipal ás directrices do Plan Ágora da Deputación. 

A humanización desta zona supoñerá a supresión de varias palzas de aparcamento e para palialas, o Concello prevé habilitar unha ampla parcela que facilitará o estacionamento a toda a parroquia. A parcela situada en Doutor Otero Ulloa terá unha capacidade para 40 coches e sitúase na escasos metros do mercado.

De forma paralela, continúan as obras de humanización do Camiño Vello, unha rúa que enlaza coa do Mercado e que tamén cambiará de forma radical a súa fisionomía, con beirarrúas máis anchas, nova iluminación e mellores servizos públicos.