O Concello expón as liñas xerais do Plan de Mobilidade ás ANPA

Pontevedra
21 de xuño 2022

Este mércores, 22 de xuño, no local social do Burgo, ás 20 horas, será realizada a primeira das xornadas de participación para coñecer a recoller a opinión da veciñanza sobre o documento

O Concello expón as liñas xerais do Plan de Mobilidade ás ANPAs Concello de Pontevedra

A piques de ser publicado para consulta pública por toda a veciñanza na páxina web do Concello de Pontevedra, o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS) continúa a ser achegado a diferentes grupos asociativos e técnicos da cidade.

Este martes, á última hora da tarde, o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo unha xuntanza coas Asociacións de Nais e pais (ANPA) de Pontevedra, no local da Federación de ANPA de centros públicos de la provincia de Pontevedra, na rúa Xan Guillermo.

O obxectivo non era outro que presentarlles o documento co que Pontevedra marca os seus retos para os vindeiros dez anos no eido da mobilidade e os desprazamentos activos pola cidade. Os representantes das diferentes ANPAs puideron coñecer de primeira man as liñas xerais do PMUS e afondar nos obxectivos marcados en relación cos centros educativos e o alumnado, como é a idea de que todo rapaz cativo da cidade, que viva a menos de un quilómetro do seu centro escolar, poida acudir a pé de xeito de seguro até este.

Foi unha reunión de carácter expositivo na que foron despexadas diversas dúbidas na rolda de preguntas, namentres se afirmaba que vían con bos ollos a idea de aumentar a seguranza viaria na procura dunha maior protección das crianzas. Sexa como for, as ANPAs procederán agora a presentar as súas alegacións e observacións na procura de xerar un documento que reflicta as súas achegas, xerando un proceso participativo directo e feito entre todos.

Nese sentido, este mércores, 22 de xuño, no local social do Burgo, ás 20 horas, será a primeira das xornadas de participación para coñecer a recoller a opinión da veciñanza sobre o PMUS —previa explicación divulgativa antes da man de Taller Abierto—.

Doutra banda, está programada para este mesmo día a inauguración ás 12.00 horas na Praza da Peregrina da exposición itinerante do PMUS, unha mostra que buscará achegar dun xeito práctico e útil a información contida no documento de máis de 500 páxinas.