O Concello esixe a ENCE que aclare as "escandalosas" afirmacións de Colmenares sobre a súa seguridade

Pontevedra
01 de marzo 2021

O goberno municipal instará á Xunta de Galicia e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que "actúen de oficio" contra Ence e "controlen esta situación", ofrecendo aos pontevedreses a "certeza" de que viven nun "entorno seguro"

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra Mónica Patxot

Para o goberno municipal de Pontevedra o contido do vídeo no que o presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, alerta da posibilidade de que "en calquera momento" haxa un "susto maiúsculo ambiental" na fábrica de Lourizán, é "moi preocupante".

Estas declaracións "son escandalosas", segundo a portavoz do executivo local, Anabel Gulías, cando proceden ademais do máximo responsable da compañía pasteira. "Non o dicimos nós. E o propio presidente o que di que hai un risco para a seguridade dos pontevedreses", sinalou.

Ante esta situación, o Concello anunciou que enviará un requirimento á empresa para que aclare a situación de "inseguridade" que o seu presidente relata no vídeo e que, segundo as súas palabras, estaría relacionado co mantemento dunha das súas caldeiras de recuperación.

Ademais, o goberno municipal instará á Xunta de Galicia e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que "actúen de oficio" contra Ence e "controlen esta situación", ofrecendo aos pontevedreses a "certeza" de que viven nun "entorno seguro".

Anabel Gulías lamentou que para esta empresa "todo vale" para saltarse a legalidade vixente e denunciou que este vídeo "é un paso máis" dentro da súa campaña de "acoso, chantaxe, coaccións e ameazas" á que, segundo dixo, "xa nos teñen acostumados".

"Que deixen de xogar e de lanzar ultimatos", apuntou Gulías, que reclamou que "fagan efectivo" o seu traslado e que o fagan "sen pedir trato de favor". Desde o Concello aseguran que "coa tranquilidade dos pontevedreses non vai a xogar ninguén".