O Concello esixe á Augas de Galicia que renuncie a ampliar a EDAR: "É un mal parche"

Pontevedra
29 de novembro 2019

O inicio da tramitación ambiental preceptiva para a ampliación da depuradora dos Praceres volveu a deixar de manifesto a oposición frontal do goberno municipal a este proxecto. O Concello entende que é algo "innecesario" e suporá tan só un "mal parche" que causará "moitos problemas" en Lourizán

Proposta de ampliación da depuradora dos Praceres Xunta de Galicia

O inicio da tramitación ambiental preceptiva para a ampliación da depuradora dos Praceres volveu a deixar de manifesto a oposición frontal do goberno municipal a este proxecto. O Concello entende que é algo "innecesario" e suporá tan só un "mal parche" que causará "moitos problemas" en Lourizán.

Así o destacou a edil responsable do ciclo da auga, Carme da Silva, que reiterou a petición a Augas de Galicia para que renuncie a ampliar a EDAR e acepte "falar con seriedade", de acordo cos técnicos municipais, para buscar "alternativas" que proporcionen "solucións reais" ás necesidades de saneamento da ría de Pontevedra.

"Non é unha solución de futuro crear una macrodepuradora", engadiu Da Silva, que considera que o caudal de entrada actual, dimensionado para 200.000 habitantes, é "suficiente" para as necesidades da comarca se se resolven os problemas de funcionamento que provoca as augas "incompatibles" coa propia depuradora por non ser tratadas previamente.

As alegacións presentadas por Pontevedra a este trámite ambiental, ademais de cuestionar a propia ampliación recollen, entre outras cuestións, que se debería ofrecer solución ás verteduras industriais, que a integración paisaxística é un "elemento ficticio" pola "mediocre" elección das árbores ou que o campo de fútbol proxectado "non cabe" nos terreos.

Ademais, advirten que non hai estudos de impacto atmosférico que analice os cheiros ou os ruídos que xeraría esta depuradora e que non cumpre o planeamento vixente, que é o proxecto sectorial, nin as directrices de ordenación do territorio nin o plan de ordenación do litoral aprobados pola Xunta de Galicia.

"Estamos fóra de todos os prazos posibles con ameaza de sancións por parte da UE", asegurou Da Silva, que lamenta que a Xunta sigue apostando por solucións "que se pensaron nos anos 70", coas augas residuais cruzando a ría, sen intervir para que o porto teña un tratamento previo das augas industriais ou permitindo que Marín e Poio non separen a auga da chuvia. 

A edil do BNG lamentou a tramitación "estraña" e realizada "con opacidade" por parte da Xunta, que no expediente para a resolución da autorización de vertedura de augas residuais urbanas á ría de Pontevedra, procedentes da EDAR e do emisario de Praceres, "non só non aclara que pasará cos vertidos de Ence senón que din que non son motivo deste expediente".

A este respecto, a principal alegación que se remite á Xunta sobre esta proposta é que aclare "expresamente", e con carácter previo a que a resolución sexa firme, cal vai ser o destino do antigo emisario cando funcione o novo e que pasará coas augas residuais de Ence.