A Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña vai utilizar a Pontevedra de xeito formal como referente en cuestións de espazo público. Así o confirmaron este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xulio Abalde Alonso.
O Concello de Pontevedra e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña asinaron un protocolo que busca oficializar a colaboración entre a cidade pontevedresa e o alumnado deste centro educativo, creando unha cátedra sobre o espazo público.
A partir deste ano 2023, a cidade e universidade terán, en palabras de Lores, unha "relación máis intensa" froito da que o alumnado da Escola poderá coñecer o modelo da Boa Vila, estudalo, investigalo e facer propostas do tratamento do espazo público onde sexa necesario. Como resultado, en contrapartida, o alcalde confía en que "os resultados sexan moi positivos e que teña continuidade no futuro".
O reitor da universidade coruñesa afondou nesta idea e sinalou que o protocolo "oficializa unha relación que ata o de agora se viña facendo de xeito informal" e permitirá traballar e estreitar lazos cunha cidade que "é un exemplo estatal e internacional de transformación urbana".
"É unha sorte establecer esta relación, facela estable, de xeito que os nosos estudantes poidan estudar o modelo e, dentro das nosas posibilidades, axudar a melloralo", explicou o reitor, que considera que "Pontevedra é un exemplo a nivel internacional na transformación urbana coa base na recuperación do espazo público como unha infraestrutura social para mellorar a calidade de vida".
Este protocolo inicial ten por obxectivo establecer esa relación intensa con actividades concretas, realizadas na cidade de Pontevedra, e "poñer en valor un proceso feito que é exemplo no mundo".
O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Plácido Lizancos, explicou que traballarán a todos os niveis. Xa levan varios meses lanzando temas de proxectos finais de carreira onde os futuros profesionais da arquitectura de Galicia están a traballar sobre supostos localizados en distintos lugares da cidade de Pontevedra. Está a traballar, en concreto, sobre tres lugares da cidade: á beira do río Lérez, ao carón do casco histórico e dentro do casco histórico.
No próximo cuadrimestre, van continuar con outras localizacións e a cátedra, o que permitirá, é formalizar esta relación e achegarse ás necesidades reais da cidade, axustando os obxectivos á Boa Vila.
Ademais, explicou que non van chocar coa actividade profesional regulada, senón que o seu tipo de actividade está máis enfocada á investigación, á especulación intelectual, romper fronteiras de coñecemento. En todo caso, Pontevedra servirá de suposto real, de marco para moitos futuros profesionais da arquitectura.