O Concello de Caldas de Reis impulsa a campaña "Eu merco en Caldas" para promover o comercio local coa impresión de 12.000 bolsas de papel reciclado coa imaxe da campaña, que están a ser distribuídas entre todos os establecementos de comercio e hostalería a través de Caldas Centro Comercial Aberto.
Este mércores o alcalde, Juan Manuel Rey, e os concelleiros de Medio Ambiente e Comercio, Manuel González e Jacobo Pérez, achegáronse á praza da Alhóndiga para entregar algunhas destas bolsas entre os comercios da zona.
A vila de Caldas amosa para estas festas unha imaxe moi atractiva para pasear en familia coa iluminación a decoración especiais de moitas rúas, prazas, recunchos e espazos públicos, nas que conflúen as iniciativas e o esforzo da veciñanza e do propio Concello, ademais dos establecementos comerciais e hosteleiros que teñen os seus escaparates e fachadas cheos de luces e diferentes motivos de Nadal.
Tanto a campaña "Eu merco en Caldas" como a decoración de Nadal apostan pola sostibilidade, a reutilización e reciclaxe de materiais e a utilización de produtos naturais.
O alcalde destaca que "Caldas está máis atractiva que nunca nestas datas de Nadal, polo que convido a visitar en familia a nosa vila e mercar en Caldas nun ambiente moi acolledor e cheo de sorpresas e atractivos para os máis pequenos".