O alcalde de Poio, Ángel Moldes, anunciou este mércores que o Concello investirá preto de 300.000 euros para pavimentar camiños en Liñares, Paradela, Banda do Río, Ratea e San Martiño-Rial, así como a ampliar as redes de pluviais e saneamento no Peirao de Covelo e no Camiño da Coita.
Uns investimentos que, segundo indicou Moldes, "son prioritarios para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade á cidadanía" e ademáis dixo que son "demandas históricas dos veciños" e que o goberno local está "convertendo compromisos en feitos para seguir avanzando".
A previsión do goberno local é que estes traballos vanse executar ao longo do último trimestre do ano. De feito, este mércores o alcalde achegouse ata San Martiño para ultimar o proxecto que, neste caso, permitirá acondicionar e renovar o asfalto dunha pista moi transitada e que está nun estado de deterioro importante e que, polo tanto, supón un perigo para a circulación rodada.
Para acometer estes proxectos, o Concello de Poio utilizará unha parte dos ingresos recibidos a maiores correspondentes á liquidación positiva da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) do ano 2022.
Deste xeito, o pleno de setembro deberá aprobar unha modificación de crédito, na que tamén se inclúe ampliar en 335.000 euros algunhas das partidas dos orzamentos que están máis axustadas para realizar pagos a provedores así como para atender maiores gastos de persoal provocados por procedementos de indemnizacións que o Concello de Poio tivo que aboar este ano con motivo das sentenzas xudiciais emitidas correspondentes a anos anteriores.
"Apostamos por unha xestión responsable dos nosos recursos e a nosa prioridade é pagar aos provedores do Concello de Poio e intentar chegar a fin de ano coas contas saneadas", sinalou Moldes.
Neste senso, recorda que "o goberno fixo unha gran xestión económica no último ano e medio, no que collemos un concello totalmente endebedado, non só polas débedas cos bancos, senón tamén porque había facturas sen pagar no caixón que superaban o 1,2 millóns de euros e un orzamento totalmente esgotado que condicionou toda a nosa xestión no último semestre de 2023 e tamén o orzamento municipal de 2024".