O Concello destaca a diminución dos problemas de convivencia coa reapertura do botellódromo

Pontevedra
18 de outubro 2021

"En tempo récord tentamos resolver os problemas de convivencia que se estaban ocasionando na zona monumental. Creo que o conseguimos parcialmente, aínda temos que seguir traballando nese sentido", apuntou Anabel Gulías. "É un problema que se está resolvendo pero que non vai ter unha solución definitiva de maneira inmediata", engadiu

Reapertura do botellódromo Mónica Patxot

A portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, referiuse este luns en rolda de prensa á recuperación da explanada do Recinto Feiral como botellódromo durante as fins de semana. A preguntas dos xornalistas afirmou "permíteme que valore positivamente que os problemas de convivencia na zona monumental diminuísen drasticamente".

Para Anabel Gulías este feito é "o primeiro punto que temos que resaltar e felicitarnos todos", agradecendo a "comprensión" aos veciños afectados polos ruídos e molestias que xeran estas concentracións de grupos de mozos durante a noite e a "colaboración" dos hostaleiros, así como "ás persoas que accederon ao Recinto Feiral".

Anabel Gulías sinalou que o venres non houbo xente "nin no Recinto feiral nin na zona monumental" pero "o sábado funcionou ben" estimando en "varios centenares de persoas as que alí foron a gozar do seu tempo de lecer" o que permitiu deixar "despexadas" as zonas do centro histórico nas que houbo máis queixas veciñais.

O venres, a primeira noite na que se recuperou o "botellón" no recinto do Pazo da Cultura, producíronse algunhas chamadas á Policía Local "por ruídos" e sancionouse a un local de copas da rúa San Xulián, denunciado polos veciños que se queixaron do ruído que provocaba ás dúas da madrugada. O negocio ten licenza de bar e non de local nocturno polo que foi denunciado por incumprir o horario permitido á súa categoría.

"O sábado non houbo ningunha incidencia relevante", á marxe dalgunha aglomeración de persoas á hora do peche dos locais na rúa Celso García de la Riega, informou a portavoz municipal. 

"En tempo récord tentamos resolver os problemas de convivencia que se estaban ocasionando na zona monumental. Creo que o conseguimos parcialmente, aínda temos que seguir traballando nese sentido", apuntou Anabel Gulías. "É un problema que se está resolvendo pero que non vai ter unha solución definitiva de maneira inmediata", engadiu.

Respecto a as críticas ao Concello de Pontevedra formuladas desde a Xunta de Galicia pola habilitación dun espazo para que os mozos fagan botellón sorteando a prohibición da Lei de Saúde, a portavoz municipal dixo que no goberno galego "tiñan que telo previsto en febreiro cando modificaron a lei sen ningún tipo de reflexión sobre as consecuencias que podía ter. Iso se que é unha irresponsabilidade".

"Nós o que tentamos é atallar un problema de convivencia veciñal que se estaba xerando na nosa cidade. Afortunadamente Pontevedra non teñen ningún problema de orde pública, tivo un problema de convivencia que resolvemos e atallamos a tempo e temos unha solución proposta. Todo isto, a pesar da Xunta de Galicia", sentenciou Anabel Gulías.