O Concello de Soutomaior está inmerso no proxecto de recuperación das placas de pedra serigrafiadas coa toponimia do municipio. Trátase duns elementos que se colocaron entre 1979 e 1995 durante os mandatos de Fernando Pereira, primeiro alcalde da etapa democrática en Soutomaior.
"Con este proxecto acabamos coa inxustiza histórica de non poñer en valor a toponimia do noso concello", sinalou o alcalde Manuel Lourenzo, engadindo que "despois de moitos anos sen mantemento, no goberno de Soutomaior collemos a testemuña e con este proxecto dámoslle o agarimo que se merece á nosa historia, os nosos barrios e os seus nomes".
Durante a execución da iniciativa están a limparse e restaurando as placas de pedra e faise un repintado das serigrafías cos topónimos. Estes elementos presentan "un alto estado de deterioración" debida a que "levan anos sen ter ningún tipo de mantemento". Os traballos corren a cargo de operarios municipais.
Por outra banda, o alcalde lembrou que se iniciou xa unha segunda quenda de rozas polos barrios. "Sabemos que é imposible chegar a todos os puntos de Soutomaior de maneira inmediata, pero aos poucos iremos chegando", informou.