O Concello de Ribadumia denuncia no xulgado a sustración de discos duros e o borrado de datos

O Salnés
23 de abril 2016

Os incidentes tiveron lugar días antes da toma de posesión do novo equipo de goberno, e foron detectados con motivo dos traballos de elaboración da páxina web municipal e da contratación do sistema de gravación dos plenos

Concello de Ribadumia

A primeiros do presente ano 2016, con motivo dos traballos de revisión informática necesarios para a actualización da páxina web municipal e a contratación do sistema de gravación dos Plenos, o equipo de goberno do Concello de Ribadumia atopou de "maneira circunstancial" unha serie de "incidencias" nos servidores informáticos que almacenan toda a información relacionada coa xestión administrativa do Concello, motivo polo que acordou a contratación dunha auditoría do sistema a cargo de unha empresa externa.

Esta semana, logo de analizar os resultados desa auditoría e realizar todas as averiguacións oportunas, "ante a gravidade dos feitos constatados", o equipo de goberno acordou poñer en coñecemento da xustiza os mesmos, presentando a correspondente denuncia "a fin de que se aclaren as responsabilidades as que houbera lugar e se investiguen os posibles responsables dos mesmos". 

Os feitos detectados, segundo o informe da empresa auditora informática foron os seguintes:

  • Imposibilidade de restauración de copias de seguridade do servidor informático do Concello máis atrás do día 12 de xuño de 2015 (a pesar de que o sistema estaba programado para conservalas durante 894 días).
  • Sustracción dos dous discos duros de almacenamento das copias realizadas (sustituidos o 11 de xuño de 2015 non atopándose no Concello o volumen anterior).
  • Imposibilidade de recuperar posibles datos borrados con software de recuperación de arquivos ó ser o disco duro "sobreescrito" con carácteres hexadecimais aleatorios.

 

Dende o grupo de goberno salientan que se debe ter en conta ademais que estes feitos, detectados agora, prodúcense "xusto nos días anteriores á toma de posesión da nova corporación e posteriormente ao anuncio público do pacto de goberno que ía propiciar o cambio na alcaldía". Tamén que estes servidores están situados nun cuarto "ao que soamente tiñan acceso o persoal de mantemento informático autorizado e os xestores do Concello nese momento".

"É máis que evidente a gravidade destes feitos denunciados, así como os posibles delitos cometidos polas persoas que, tanto pola súa acción directa, como pola omisión do seu deber de garda e custodia e boa xestión dos datos propiciaron que se cometeran", indican nun comunicado remitido dende o concello de Ribadumia.

O actual alcalde de Ribadumia é David Castro que dirixe un goberno tripartito composto polos Independientes, Somos e PSOE, que desbancaron ao anterior goberno do PP de Salomé Peña e Rafael Louzán.

Estes feitos, detectados agora, prodúcense "xusto nos días anteriores a toma de posesión da nova corporación"

"Estariamos falando de incumprimento do deber de custodia de datos persoais e posible vulneración da Lei de Protección de Datos por parte das persoas responsables directamente de eses arquivos e de un Delito de danos contra a Administración Pública", afirman dende o consistorio.

O equipo de goberno acordou a presentación da correspondente denuncia no xulgado, por un lado para que se investiguen os feitos denunciados e buscar "que se aclaren as posibles responsabilidades legais e penais" as que houbera lugar; e polo outro para poder "salvagardar a posición do Concello" diante dunha posible mala utilización ou uso dos datos que se puideran conter nos discos duros subtraídos. 

O equipo de goberno considera que é o seu deber, unha vez comprobados estes incidentes, poñelos en coñecemento da xustiza. Tamén queren deixar claro que dende o equipo de goberno "non se está facendo ningún tipo de acusación directa, simplemente poñemos en coñecemento da xustiza os feitos e indicamos os nomes da persoa e empresas responsables directos da xestión informática no momento en que sucederon os mesmos".

Xunto coa denuncia presentouse o informe da informática realizado e solicítase que se comparezan, en calidade de investigados a anterior alcaldesa Salomé Peña Múñiz e a empresa responsable do mantemento informático do Concello.