O Concello de Pontevedra felicita á xente nova polo seu comportamento responsable durante as festas

Pontevedra
10 de agosto 2020

A concelleira de Festas do  Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, valorou con satisfacción a primeira fin de semana das Festas da Peregrina no que a cidadanía seguiu "a tónica xeral que xa tiñamos en toda a programación do verán" cun comportamento "responsable" que se puido apreciar na poboación "tanto de Pontevedra como nas persoas dos arredores, como no das que nos visitan"

Carme da Siva, concelleira de Festas PontevedraViva

A concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, valorou con satisfacción a primeira fin de semana das Festas da Peregrina no que a cidadanía seguiu "a tónica xeral que xa tiñamos en toda a programación do verán" cun comportamento "responsable" que se puido apreciar na poboación "tanto de Pontevedra como nas persoas dos arredores, como no das que nos visitan".

Carme Da Silva destacou o respecto ás normas de seguridade sanitaria que se impuxeron en todas as actividades celebradas "e tamén polas rúas", sinalando particularmente o uso das máscaras e a ausencia de "amontoamentos". 

"Dá bastante alegría ver como a xente en Pontevedra compórtase desa forma e sabe gozar da programación de verán nos espazos públicos", significou a concelleira do BNG. 

MENCIÓN ESPECIAL Á XENTE NOVA

Carme Da Silva quixo facer unha "mención especial" aos máis novos "cos que moitas veces ése moi crítico".

Facía referencia a concelleira ao "medo" e as "dúbidas" existentes sobre se esta fin de semana ía celebrar a festa de penas, é dicir, ese macrobotellón polas rúas e prazas do centro histórico que ten lugar as primeiras fins de semana de agosto acompañando á feira taurina. 

"Quería felicitar o seu comportamento porque fixeron unha demostración de responsabilidade e de seriedade", declarou a concelleira de Festas. "Como todo o mundo puido comprobar non houbo esa festa de peñas", nin esta fin de semana nin o anterior.

Carme Da Silva considera que "é xusto" facer esta mención á xente nova "nun momento no que tan mal o están a pasar, porque ten que ser bastante difícil para esta xente non poder celebrar cos seus amigos e amigas, non poden ir a concertos, non poden ir a festas, e aínda así deron unha demostración de responsabilidade".

"Como sociedade debemos estar orgullosas da xente nova que temos", concluíu a edil nacionalista.

Arquivado en