O Concello de Pontevedra culpa á Xunta de crear un problema co botellón

Pontevedra
11 de outubro 2021

A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel  Gulías, culpou á Xunta de Galicia dos botellóns que cada fin de semana reúnen de maneira masiva a mozos, en rúas do centro histórico para beber bebidas alcohólicas "un problema que o Concello tiña resolto desde hai anos e agora a Xunta créalle un problema novo"  

Botellón na rúa Mónica Patxot

A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, culpou á Xunta de Galicia de crear un problema cos botellóns que cada fin de semana reúnen de maneira masiva a mozos, en rúas do centro histórico para beber bebidas alcohólicas "un problema que o Concello tiña resolto desde hai anos e agora a Xunta créalle un problema novo".

Esta fin de semana volvéronse a repetir estas concentracións na zona monumental de Pontevedra, especialmente, na contorna das rúas Pai Luís e Laranxo polo que o Partido Popular volveu a rexistrar unha solicitude para que o Concello convoque a Xunta Local de Seguridade ante a "normalización do botellón en pleno centro histórico de Pontevedra".

A concelleira do PP, Silvia Junco, afirmou que "a inseguridade que se vive cada sábado obríganos a actuar coa máxima das urxencias".

A xuízo do goberno local, estes "desaxustes" prodúcense polos límites derivados da pandemia coas restricións de aforos e "pola limitación económica para entrar nos locais" xa que acceder a un pub "ten un custo que non todos os petos poden soportar".

Pero o Concello de Pontevedra sinala singularmente á modificación da Lei de Saúde Pública en Galicia, do pasado mes de febreiro, que prohibe "o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público", é dicir, o botellón. Para o goberno local esta prohibición faise, "dunha forma xenérica, sen ningunha garantía e ningún pensamento máis aló das consecuencias que podería ter".

Anabel Gulías asegurou que o botellón en Pontevedra estaba "controlado" desde o ano 2008 cando se habilitou para este fin a explanada do Recinto Feiral e o Parque Rosalía de Castro, trasladando alén do río Lérez as reunións que os mozos celebraban cada fin de semana na zona vella da cidade.

"A solución do Recinto Feiral no seu momento corrixiu todos os desaxustes de convivencia entre veciños, hostaleiros e a propia rapazada" apuntou Gulías. "Este problema estaba resolto e foi a Xunta de Galicia quen introduce ese novo matiz que dificulta e trae desaxustes no noso concello", engadiu. 

"Non había problemas de convivencia en Pontevedra por estas cuestións e agora si que os hai", insistiu a portavoz do goberno local.

Segundo Anabel Gulías, "a Xunta debería estudar as consecuencias" e preguntouse "que é o que vai pasar co San Froilán ou coa Festa do Albariño?" porque na Lei de Saúde Pública en Galicia "non se prevén excepcións", asegurou.

A administración local ordenou un reforzo da presenza da Policía Local na zona onde se focaliza a celebración de botellóns. "Están a tomarse as medidas pertinentes" e as sancións correspondentes, segundo indicou.

"Desde o Concello estamos a buscar alternativas para esta situación, á que insisto conduciunos a propia Xunta de Galicia", aínda que non detallou que tipo de medidas barallan os responsables municipais "estamos a estudar en detalle todas as posibilidades que temos para volver a situacións máis vantaxosas", concluíu a portavoz municipal.