O Concello de Pontevedra abordará coa Xunta o reforzo dalgunhas liñas do transporte urbano

Pontevedra
19 de decembro 2022

Estes reforzos puntuais ou o posible cambio nalgunha frecuencia afecta, nas "horas punta", á liña que leva ao hospital Montecelo e á de Monte Porreiro  

Autobús Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra pedirá unha reunión á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para abordar o reforzo dalgunhas das liñas do transporte urbano. 

A portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías destacou que no Goberno local están "especialmente orgullosas" do "gran acordo" alcanzado coa Xunta de Galicia para poñer en marcha o transporte urbano "dunha maneira coherente e consensuada co noso modelo de cidade".

"Podemos dicir, a día de hoxe, que temos un transporte urbano eficaz e eficiente", valorou a concelleira nacionalista.

Anabel Gulías informou que nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria acaban de prorrogar un ano máis o convenio coas tarifas das viaxes. É a segunda das catro prórrogas posibles. 

O prezo do billete seguirá sendo o mesmo, é dicir, 1.50 euros suxeitos a bonificacións. Así os viaxeiros que dispoñan da Tarxeta Transporte Público de Galicia teñen un desconto dun 10%, a isto súmase a bonificación municipal de 0.50 euros en cada billete e mesmo se poderían sumar outros descontos do Estado ou da Xunta, en función do número de viaxes, ata chegar a saír gratis. 

A portavoz municipal destacou que no Goberno local teñen a "percepción" de que "este sistema, pensado e repensado especificamente para Pontevedra, funciona ben", unha conclusión á que chegan "por observación" xa que aínda non dispoñen de cifras oficiais por parte da Consellería. 

"Temos constancia de que en determinadas zonas e en determinados horarios faríase, desde o noso punto de vista, necesario un reforzo", motivo polo que se solicitará unha reunión da comisión de seguimento deste convenio para principios do próximo ano.

Estes reforzos puntuais ou o posible cambio nalgunha frecuencia afecta, nas "horas punta", á liña que leva ao hospital Montecelo e á de Monte Porreiro.

"Estamos seguras de que a Xunta terá a mesma boa predisposición que no pasado", dixo Gulías.

COCHE DE PUNTO

A portavoz municipal tamén avanzou que este martes 20 de decembro o concelleiro de Transporte, Demetrio Gómez dará conta das últimas novidades na posta en marcha do servizo de transporte a demanda de Pontevedra, bautizado como "coche de punto". 

Entre outros asuntos, o concelleiro informará das medidas adoptadas en relación cos dous problemas detectados durante a fase de probas que foron o acceso de persoas maiores á aplicación informática ou a xeolocalización dalgúns domicilios nas parroquias.

Como avance, Anabel Gulías informou que a plataforma informática "xa está testada e lista para articular todo o sistema" e o Concello contratará unha campaña de información "parroquia a parroquia e casa a casa" dirixida aos usuarios susceptibles de utilizar este servizo.