O Concello de Ponte Caldelas e o Grupo Antolín, dedicado á fabricación de elementos interiores para automoción, selaron este xoves un acordo de colaboración que permitirá que ata 15 persoas desempregadas do municipio atopen traballo na fábrica desta empresa no polígono vigués de Valadares.
As persoas interesadas deben presentarse canto antes no Concello e encher unha ficha na Alcaldía. O próximo xoves, a partir das 17 horas, celebrarase a primeira xuntanza dos aspirantes cos representantes da empresa na Casa da Cultura, onde se fará unha preselección da que sairá un máximo de 15 persoas.
O Grupo Antolín busca persoas desempregadas e empadroadas en Ponte Caldelas, sen preferencias de idade ou sexo. Cómpre subliñar que busca persoas sen experiencia no sector da automoción e que teñan, sobre todo, disposición para traballar por quendas nas súas instalacións industriais de Vigo.
O alcalde, Andrés Díaz, destacou que o Concello asumirá integramente o custo do curso de formación de 110 horas lectivas. Un importe que pode chegar, se a empresa esgota o cupo dos 15 aspirantes, aos 10.450 euros. Díaz subliñou que "os acordos coas empresas son o verdadeiro camiño para combater o desemprego e en Ponte Caldelas xa comprobamos a efectividade deste tipo de medidas, que dan moito mellor resultado que os clásicos obradoiros de emprego".
Na súa opinión, os obradoiros quedaron obsoletos ao non traducirse en resultados reais de integración no mercado de traballo, polo que non encaixan nunha política municipal moderna de impulso ao emprego.
Ponte Caldelas está a preparar xa outro curso de formación, con garantía de contratación, para outra empresa. Nos próximos días darase a coñecer a convocatoria para inscribirse no curso, que volverá financiar o Concello.
O goberno local de Ponte Caldelas opta por este tipo de acordos público-privados como parte central da súa batalla contra o desemprego. Xa o pasado ano realizou un curso semellante coa firma Metal Works, que permitiu que 19 persoas obtiveran un título de soldador e montador de estruturas metálicas e, o que é máis importante, a súa integración inmediata no mercado laboral.