O Concello de Poio adapta dúas leiras en Campelo como aparcamentos disuasorios

Poio
03 de agosto 2021

A Xunta de Goberno Local deu o visto e prace á cesión de dous terreos de titularidade privada que terán unha capacidade total de 30 vehículos

Parcelas para aparcamentos en Campelo Concello de Poio

O Concello de Poio habilitará proximamente novas prazas de estacionamento no núcleo de Campelo. A Xunta de Goberno Local aprobou este martes a tramitación para o uso de dous terreos de titularidade privada que serán destinados a aparcamentos disuasorios.

Con esta medida o goberno local dá resposta a unha demanda veciñal, posto que as últimas actuacións de reforma e mellora da seguridade viaria nas estradas da zona obrigaron a reducir o espazo para aparcar. 

Unha vez asinado o contrato, que foi posible pola cesión dos terreos dos particulares despois de que a concelleira de Obras, Chelo Besada, contactase con eles, o Concello procederá á posta a punto destas parcelas que terán unha capacidade de 30 vehículos, 18 na máis grande e 12 na de menor tamaño.

O Concello traballa tamén na habilitación doutras parcelas como aparcamento na contorna do centro de saúde de Anafáns.