O Concello de Marín realiza seguimento a 29 casos de violencia machista no municipio

Marín
19 de setembro 2020

As instalacións da Finca de Briz acolleron este venres unha nova reunión da Mesa de Traballo Contra Violencia de Xénero 

Reunión da Mesa de Traballo Contra Violencia de Xénero de Marín Concello de Marín

As instalacións da Finca de Briz acolleron este venres unha nova reunión da Mesa de Traballo Contra Violencia de Xénero de Marín.

No encontro, ao que asistiron entre outros a concelleira de Igualdade, Marian Sanmartín, representantes do CIM e de servizos sociais, analizáronse os datos que manexa actualmente o municipio.

Neses datos destaca a cifra de 29 casos de violencia de xénero en seguimento, que se concentran sobre todo nun rango de idade de 30 aos 45 anos.

Aínda que ningún destes casos está catalogado como de risco alto, si que hai tres considerados como de risco medio.

Trátase dunha estatística que "segue evidenciando esta lacra na nosa sociedade contra a que temos que seguir loitando, con medidas, recursos e concienciación cidadá", sinalou a edil.

Os asistentes destacaron o labor dos diferentes organismos durante a fase máis complicada da pandemia. De feito, o Punto de Intercambio Familiar seguiu funcionando durante todo o confinamento nos casos nos que se demandou o servizo, atendendo na actualidade a 9 núcleos familiares.

Na Mesa fíxose balance tamén doutros programas, como o Axente Titor,  ou a iniciativa de bonos sociais de emerxencia para as mulleres vítimas de violencia machista que se repartiron en colaboración coas Ong da vila.