O Concello de Marín explica á veciñanza de Bexe como funcionará o novo servizo de abastecemento

Marín
27 de novembro 2021

As 33 vivendas que se beneficiarán da instalación do novo servizo de abastecemento poderán conectarse á rede municipal, resolvendo os problemas que se producían coa traída veciñal

Reunión cos veciños de Bexe pola nova rede de abastecemento Concello de Marín

O núcleo de Bexe xa está en obras para poder dotar ao lugar da nova rede de abastecemento que lle permitirá aos veciños conectarse á traída municipal. Con eles mantivo unha reunión a pé de obra o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas.

"Reunímonos con eles para visitar o comezo da obra por parte de COVSA, empresa que resultou adxudicataria, e que xa está traballando no terreo. E, sobre todo, para explicarlles como se procederá a partir de agora para que poidan conectarse e xestionar a alta no servizo", explicou o concelleiro.

Novas afirma que esta obra supón "unha importante mellora na calidade de vida de Bexe" e, de feito, "os veciños mostráronse moi ilusionados, xa que damos resposta a unha das demandas que tiñan desde hai anos". E é que ata agora as súa traída veciñal non era abondo na época do verán, na que sempre se producían problemas con subministro, algo que xa non acontecerá coa conexión á traída pública.

Os traballos teñen un prazo inicial de execución de 3 meses, polo que de cara á época estival xa estará rematada a actuación e posta en funcionamento. "Con esto seguimos demostrando o noso compromiso total co rural, para que teña uns servizos públicos de calidade, igual ca no casco urbano", afirmou o edil.

En total, son 33 vivendas as que se verán beneficiadas deste proxecto, no que se investirán máis de 126.600 euros con cargo ao remanente de tesourería.