A Xunta de Goberno do Concello de Marín aprobou este xoves a adxudicación do contrato mixto para o desenvolvemento dunha plataforma de administración dixital, así como a adquisición dos equipos necesarios para a súa correcta implantación.
O contrato divídese en tres lotes. Por unha banda a implantación e posta en marcha do sistema de soporte; por outro, a adquisición do equipamento; e finalmente a adquisición de servidores, almacenamento e copias de seguridade. O investimento total ascende a 285.800 euros resultando gañadora do concurso a empresa GTE Solucións para o primeiro lote e Memorias de España para os outros dous.
Esta actuación está confinanciada nun 80 % polos fondos Feder da Unión Europea no marco do programa EDUSI Marín 2020, unha estratexia que ten como obxectivo mellorar a calidade urbana e a calidade de vida da poboación marinense.
Estas medidas de mellora da administración dixital do Concello buscan mellorar a competitividade da vila favorecendo a implantación da administración electrónica e os mecanismos de participación e transparencia a través da gobernanza electrónica.