O Concello de Cuntis recibe unha axuda para evitar as caídas de persoas maiores

Umia
26 de xullo 2019

Destinarán os fondos a programas de ximnasia, talleres de memoria e asesoramento para reducir os riscos de sufrir un accidente

Vehículo de Protección Civil de Cuntis diante da Casa do Concello Concello de Cuntis

Mellorar a calidade de vida das persoas maiores e reducir o risco de que sufran unha caída é o obxectivo dun programa de atención a estas persoas que poñerá en marcha o Concello de Cuntis e para o que acaban de recibir unha subvención de 3.500 euros do Ministerio de Sanidade.

O goberno local destinará estes fondos a fomentar a saúde e o benestar da poboación, a potenciar a capacidade funcional dos maiores, a atrasar na medida do posible que crucen o limiar da discapacidade ou dependencia e a promover a saúde e benestar emocional dos maiores.

No programa de prevención de caídas están inscritos xa vinte persoas, dezaséis mulleres e catro homes. Ademais, teñen en marcha unha campaña de ximnasia de mantemento na que están anotadas 45 persoas.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, as caídas son a segunda cauda mundial de morte por lesións accidentais e non intencionales. Dado que Cuntis ten unha poboación envellecida, o goberno local proponse como un obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida e previr este tipo de accidentes entre as persoas maiores a través de actividades como os talleres de memoria ou a ximnasia de mantemento.

Ademais prestarán apoio a este sector da sociedade con consellos sobre o uso de dispositivos de apoio, revisión da medicación, tratamentos de corrección postural e de problemas visuais, redución de riscos domiciliarios ou uso de calzado e roupa inapropiados