O Concello de Caldas segue funcionando "coa maior normalidade no posible"

Umia
30 de marzo 2020

Tras a entrada en vigor do último Real Decreto mantén operativos todos os servizos municipais, dando prioridade aos esenciais neste contexto e ao teletraballo

Operativo de limpeza en Caldas de Reis Concello de Caldas

O Concello de Caldas segue funcionando "coa maior normalidade no posible", mantendo operativos todos os servizos municipais e dando prioridade aos esenciais e ao teletraballo. Así o informa esta administración local tras a entrada en vigor do Real Decreto do 29 de marzo.

O departamento de Servizos Sociais intensificouse e adaptou a súa actividade á situación e emerxencia do momento. Seguen en funcionamento o departamento económico, xurídico, de cultura, deportes, mocidade, urbanismo, comercio e consumo e "en todos os casos déuselle prioridade absoluta desde o primeiro minuto ao teletraballo, que está a ser moi positivo para os servizos municipais, porque estamos convencidos de que permitirá, unha vez superada a situación, reformular e mellorar as dinámicas de traballo no concello".

A xestión administrativa interna e a xestión ao cidadán faise mediante a administración electrónica e continúa a atención telefónica. Pola súa banda, Limpeza e Obras reforzáronse para cubrir as necesidades provocadas pola crise sanitaria, de forma que este último servizo está a priorizar as actuacións de limpeza e desinfección de espazos públicos.

Desde o Concello de Caldas de Reis faise un recoñecemento ao labor que están a facer desde Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que "continúan traballando ao servizo de todos os veciños". En ambos os casos mantense a atención 24 horas nos teléfonos 609 829 292 de Policía Local e 986 191 958 de Protección Civil.

Está activo o programa de seguimento de persoas maiores e dependentes e un servizo especial de atención psicolóxica nos números 986 530 814 ou 637 21 48 57.