O Concello convocará un concurso internacional de ideas para "liberar" o tramo soterrado do río dos Gafos

Pontevedra
22 de setembro 2020

Será a finais deste ano 2020 e os profesionais que se presenten terán que achegar propostas, alternativas e solucións concretas para resolver unha serie de necesidades que se expoñen desde o Concello de Pontevedra e que foron definidas no anteproxecto desta iniciativa

Presentación do estudo técnico para "LIberar o río Gafos" Mónica Patxot

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes anunciou a convocatoria dun concurso internacional de ideas para "liberar" o tramo soterrado do río dos Gafos.

Será a finais deste ano 2020 e os profesionais que se presenten terán que achegar propostas, alternativas e solucións concretas para resolver unha serie de necesidades que se expoñen desde o Concello de Pontevedra e que foron definidas no anteproxecto desta iniciativa.

Entre outras necesidades exponse "que queden completamente operativos e seguros os accesos aos colexios próximos ao río" ou que se garanta ou mesmo mellore a operativa urbana e "que Campolongo poida incrementar o seu protagonismo no conxunto da cidade".

Deste concurso de ideas sairá o proxecto de obra que dará forma definicita ao novo río dos Gafos e a todo o parque e a zona verde de ribeira.

Seleccionarase a proposta máis interesante para revalorizar esta área "que forma parte do corazón de Pontevedra".

Ivan Puentes explicou que se trata dun plan para "renaturalizar e dignificar" a área do río dos Gafos para "darlle o valor que merece e gañalo para a paisaxe urbana" así como para o lecer da cidadanía.

Despois da recuperación do parque fluvial entre a estación de autobuses e Campolongo, o goberno local considera que chegou a quenda "aos dous segmentos máis maltratados" o que hoxe circula por unha caixa de formigón de 7x3 metros, e o que se abre paso entre as torres residenciais situadas entre a Ponte da Tablada e o mar.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible xa encargou un primeiro estudo técnico para repasar as actividades urbanas que se desenvolven preto do río.

Neste documento técnico tivéronse en conta múltiples aspectos que conflúen en toda a zona: os colexios Campolongo e Crespo Rivas, os edificios da Xunta e Facenda, o centro deportivo Campolongo, a igrexa, a residencia de maiores, ás persoas con discapacidade, ás que teñen dificultades de visión, os usuarios da vía que vai á Brilat ou ao centro da ONCE, as que utilizan María Victoria Moreno para ir a outras zonas da cidade, os fluxos de Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia. Tamén á hosteleria, o comercio e as necesidades dos veciños de toda esta ampla zona urbana.