O Concello, contra os proxectos da Xunta para a estrada vella de Marín: "están máis pensados en cuestións electoralistas que reais"

Pontevedra
24 de febreiro 2023

Alberto Oubiña presentou este venres os informes solicitados pola Xunta e valorou que con eles "se chega tarde e mal á hora de resolver as necesidades da veciñanza de Lourizán". Para o concelleiro, "no criterio da Xunta prevalece a comodidade dos camións que percorren a vía que leva até Ence, fronte á da veciñanza da parroquia"

Inicio das obras na estrada vella de Marín PontevedraViva

Os dous proxectos pendentes da Xunta de Galicia para a PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, non convencen ao Concello de Pontevedra, que presenta alegacións ante a Axencia Galega de Infraestruturas para cambialos. 

A Xunta de Galicia decidiu dividir en tres actuacións o proxecto de mellora da estrada. A primeira, na rúa Avelino Montero, xa está en marcha. As outras dúas atópanse en fase de información pública e o Concello pretende que se modifiquen e van enviar informes técnicos que avalan a súa posición. 

O concelleiro da parroquia de Lourizán, Alberto Oubiña, presentou este venres estes informes solicitados pola Xunta de Galicia, e que serán remitidos nos vindeiros días, e valorou que con eles "se chega tarde e mal á hora de resolver as necesidades da veciñanza de Lourizán"

"Son uns proxectos que semellan estéticos, pero están máis pensados en cuestións electoralistas que en cuestións reais", considera o concelleiro, que engade que, na súa opinión, "no criterio da Xunta prevalece a comodidade dos camións que percorren a vía que leva até Ence, fronte á da veciñanza da parroquia". 

Unha das actuacións supón a creación dun aparcadoiro disuasorio diante do Pazo de Lourizán. Os estudos técnicos municipais conclúen que non queda garantida a seguridade no cruzamento desde o futuro estacionamento disuasorio e o Pazo, pois non se contemplan pasos de peóns. 

Ademais, o Concello solicitará a inclusión dun estacionamento para autobuses neste espazo, algo pedido pola veciñanza da zona, en especial pola rapazada, xa que non existe un espazo seguro onde subir e baixar.

A outra actuación é o eixo de mobilidade sostible Pontevedra-Marín ata a rotonda dos Praceres. Os técnicos municipais concluíron que non aparece contemplada a instalación de medidas de calmado de tráfico nin se actúa na marxe esquerda das beirarrúas "aínda sendo evidentes as súas deficiencias".

Os técnicos tamén indican que semella lóxico implementar novos pasos de peóns no trazado, polo que así vai incluído no informe, solicitando cinco novos pasos deste tipo, para dar servizo a cuestións "tan evidentes" como o acceso seguro aos colectores de lixo.

Alberto Oubiña critica que non se reduce a velocidade da vía, non se arranxa unha das beirarrúas, non se garante a conexión de ambas as dúas marxes en condicións de seguridade e, en resumo, "non se teñen en conta as peticións dos veciños e das veciñas". 

Engade tamén que "a cousa é máis grave aínda" porque segue sen falarse da actuación no lugar onde houbo un accidente mortal non hai moitos anos e non pon sobre a mesa a actuación que terá que ir entre a rúa San Cristobo e Marín, "quedando esquecido este trazado nos tres proxectos que se presentaron até o de agora".