O Concello cede as novas instalacións a Fenosa para que traslade o transformador do colexio de Barcelos

Pontevedra
19 de abril 2024

Trátase dun novo paso para completar o traslado do polémico transformador eléctrico situado dentro do recinto escolar do Colexio de educación infantil e primaria (CEIP) de Barcelos

 

Obras para o soterramento do transformador de Barcelos Concello de Pontevedra

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este xoves a cesión á empresa Unión Fenosa Distribución (UFD) das instalacións do novo centro de transformación subterráneo da Praza de Barcelos. 

Trátase dun novo paso para completar o traslado do polémico transformador eléctrico situado dentro do recinto escolar do Colexio de educación infantil e primaria (CEIP) de Barcelos. 

O traslado do centro de transformación é unha histórica demanda da comunidade escolar que se recruou en decembro do ano 2018 tras un incendio na instalación eléctrica.

En outubro do ano pasado a Xunta autorizou ese ansiado traslado da instalación e agora o Concello dá un novo paso administrativo cedendo a Fenosa a infraestrutura subterránea construída xusto enfronte do colexio, na zona pública da rúa que utiliza como patio durante o recreo. 

A construción deste caixón de formigón, onde se situará o centro de transformación composto por dous aparellos de 630 quilovatios de potencia cada un, formaba parte das obras de reforma dos viais perimetrais da céntrica praza de Barcelos.

O Concello tamén cede a UFD a liña subterránea de 20 quilovoltios e a liña subterránea de baixa tensión 400 v nesta Praza.

A instalación eléctrica contará con sistema de telecontrol e para a súa posta en funcionamento será necesaria unha nova liña de media tensión, de 44 metros de lonxitude.

O Concello asegurará o mantemento e vixilancia do novo transformador durante a súa construción e despois da súa posta en servizo e cando se inaugure a infraestrutura Fenosa encargarase de poñer punto e final á que hai dentro do colexio de Barcelos.

O custo deste proxecto, que figuraba como a única mellora do contrato da reurbanización da praza, superaba os 176.000 euros