O Concello arranxa o aparcadoiro de Ponte Zapal e prepara a reforma do vial de acceso ao núcleo de Pastoriza

Marín
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A brigada municipal de Obras actuou este luns no aparcadoiro público gratuíto de Ponte Zapal, que presentaba fochas debido ás intensas chuvias deste inverno

Aparcadoiro disuasorio de Ponte Zapal Concello de Marín

A brigada municipal de Obras actuou este luns no aparcadoiro público gratuíto de Ponte Zapal, que presentaba fochas debido ás intensas chuvias deste inverno.

Precisamente, o mal tempo era o que impedía volver actuar sobre a parcela, á que se lle botou xabre compactado para alisar o terreo e facilitar o estacionamento no mesmo.

Esta actuación non foi posible facela antes polas inclemencias meteorolóxicas, pero o bo tempo destes días permitiu actuar e mellorar este espazo, que dá servizo a toda a zona da Praza de Abastos e de Rúa da Ponte. 

De feito, desde o Concello  de Marín explican que se segue traballando na búsqueda de novas parcelas por todo este entorno que veñan sumar prazas de estacionamento na zona, tratando de responder á demanda da cidadanía neste sentido.

Por outra banda, o Concello lembra que aínda están abertas as enquisas de participación para comerciantes e para a cidadanía sobre a situación do comercio e o estacionamento no centro urbano. 

ESTRADA DE ACCESO A PASTORIZA

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, informou da solicitude presentada polo Concello para acadar unha subvención coa que sufragar a primeira fase da actuación na estrada que dá acceso ao núcleo de Pastoriza, na PO-313.

A axuda imputaríase ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Actualmente esta estrada atópase deteriorada, tanto polo paso do tempo como polo intenso uso que se fai dela, xa que é a principal vía de acceso ao núcleo de Pastoriza.

A primeira fase do proxecto consistiría na rehabilitación e ampliación do firme, así como na mellora da drenaxe da plataforma da vía. Beneficiaría a 1.565 metros cadrados de superficie. "Este tramo que engloba a primeira fase é o que se atopa en peor situación, por iso é o que se prioriza para realizar esta inversión, que é limitada", explica Novas, xa que a contía total da subvención non chega para facer todo dunha vez. O orzamento do proxecto ascende a 45.987,92 euros (sen IVE).

Por outra banda, o concelleiro explicou que está a redactarse un proxecto integral de mellora de camiños en todas as parroquias, incluíndo no mesmo aquelas vías que presentan un estado máis deteriorado.