O Concello 'aparca' o proxecto de humanización de Monte Porreiro

Pontevedra
28 de setembro 2021
Actualizado: 16:39

O goberno municipal dá marcha atrás. Ante as protestas veciñais, o Concello optou por gardar no caixón o proxecto de humanización do barrio de Monte Porreiro. Así o anunciou este martes o concelleiro responsable desta actuación, Demetrio Gómez. A manifestación convocada polos veciños o pasado venres foi un "elemento máis", recoñeceu o edil do BNG, dos que pesaron para adoptar esta decisión

Demetrio Gómez co proxecto de reforma da rúa Alemaña Mónica Patxot

O goberno municipal dá marcha atrás. Ante as protestas veciñais, o Concello optou por gardar no caixón o proxecto de humanización do barrio de Monte Porreiro. Así o anunciou este martes o concelleiro responsable desta actuación, Demetrio Gómez.

A manifestación convocada polos veciños o pasado venres foi un "elemento máis", recoñeceu o edil do BNG, dos que pesaron para adoptar esta decisión, pero non o único.

Durante os últimos anos, explicou o concelleiro de Obras, en Monte Porreiro detectouse un tráfico de paso "excesivo" e identificáronse numerosos "problemas" de seguridade viaria, especialmente na contorna da rúa Alemaña e os centros educativos.

Estas cuestións, segundo Gómez, foron advertidas tamén pola asociación de veciños do barrio e pola comunidade escolar, que reclamaron actuacións para corrixir esta situación. "Parece que iso agora non é unha prioridade non barrio e non hai maior problema", apuntou.

O proxecto presentado, insistiu o responsable municipal de Mobilidade, "atendía a unha necesidade que se manifestase de moitas maneiras", pero sinalou que ante as protestas no barrio entenderon que "a solución pode ser outra".

Tras asegurar que, a pesar desta rectificación, "seguiremos traballando polo barrio", Demetrio Gómez que esta decisión non supoñerá "nin moitísimo menos" que se deteñan as obras en Monte Porreiro, onde continuarán os traballos programados de mantemento.

Para futuras intervencións neste ámbito urbano, garantiu o concelleiro nacionalista, o goberno municipal manterá contacto "con todas as entidades" do barrio de Monte Porreiro para "definir" as prioridades de actuación.

SATISFACCIÓN NO PSOE

Desde o grupo municipal do PSOE, o seu portavoz, Tino Fernández, recibiu con satisfacción a decisión adoptada polos seus socios de goberno, cos que xa mediara para as actuacións previstas en Monte Porreiro "se fagan sempre co máximo consenso posible cos seus veciños".

Fernández entende que a resposta veciñal "tivo unha magnitude que se debe ter en conta" e agarda que o diálogo "siga sendo a principal ferramenta para executar as melloras que require esta zona da cidade".