O Concello activará desde este venres a cita previa por internet para a atención ao cidadá

Pontevedra
30 de xullo 2020

A partir deste venres 31 de xullo, o Concello de Pontevedra activará o servizo de cita previa para que, a través de internet, os cidadáns poidan ser atendidos polos diferentes servizos municipais. Esta ferramenta vai "cohabitar", segundo a edil Carmen Fouces, co sistema de cita previa por teléfono

Carmen Fouces, concelleira de Cultura Mónica Patxot

A partir deste venres 31 de xullo, o Concello de Pontevedra activará o servizo de cita previa para que, a través de internet, os cidadáns poidan ser atendidos polos diferentes servizos municipais. Esta ferramenta vai "cohabitar", segundo a edil Carmen Fouces, co sistema de cita previa por teléfono.

Dunha forma ou outra, todas as persoas que queiran ser atendidas polos técnicos municipais ou polos políticos do grupo de goberno deberán solicitalo previamente.

Os únicos servizos para os que, por agora, non se poderá solicitar cita previa a través da web do Concello son urbanismo e servizos sociais. Fouces explicou que se incorporarán ao sistema "moi pronto", unha vez resolvan algúns condicionantes técnicos.

O goberno municipal entende que esta medida  veu para quedar" e que, moi pronto, será a opción maioritaria dos cidadáns para dirixirse á administración. Este sistema forma parte, segundo a responsable de Persoal, do esforzo por "modernizar" a administración.

"É un sistema cómodo e fácil", engadiu Carmen Fouces, que entende que se trata dunha ferramenta tecnolóxica que se debe activar "ante as novas circunstancias", evitando que se produzan aglomeracións nas dependencias municipais.

O Concello asegura que, a día de hoxe, todos os servizos municipais están a dar citas " dun día para outro", excepto o padrón que está "algo colapsado" ao coincidir a tramitación de axudas pola Covid-19 co período de matrículas para os colexios.

Ademais, os técnicos informáticos do Concello traballan no desenvolvemento dunha plataforma mediante a cal se poidan realizar videoconferencias, de forma que profesionais e empresas que necesiten contactar cun técnico ou cun responsable político non teñan que desprazarse ata as instalacións municipais para ser atendidos.