O goberno municipal de Pontevedra "está a facer os deberes", segundo a súa portavoz Anabel Gulías, ante a expansión do coronavirus. Desde hai semanas traballa nun protocolo de actuación para implantar unha serie de medidas ante o avance da enfermidade.
Ante unha situación "altamente cambiante", destacou Gulías, o Concello creou unha especie de 'gabinete de crise' que, baixo a coordinación do director xeral de Recursos Humanos, José Manuel González Abal, estudará como afrontar esta pandemia.
Neste comité de seguimento, ademais das concelleiras de Persoal e Réxime Interior, están presentes tamén todos os xefes dos servizos municipais, que serán os encargados de propoñer as medidas para adoptar en cada unha das súas áreas.
Entre os primeiros pasos que dará o Concello está a instalación de dispensadores de xel desinfectante nas dependencias municipais que reciben un maior número de cidadáns e intensificarase a limpeza en todas as súas sedes, incluído o consultorio de Ponte Sampaio.
Anabel Gulías, que quixo mandar unha mensaxe de " tranquilidade" á poboación, explicou que o goberno municipal tamén se puxo en contacto con todas as empresas concesionarias para interesarse polos seus respectivos protocolos polo coronavirus.
Ademais, reforzouse as medidas de prevención en torno ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil, cuxo aforo diario restrinxiuse a 800 persoas.
De cara o futuro, en función da evolución do coronavirus, o goberno municipal non descarta, naqueles servizos que sexa posible, terminar implantando o teletraballo entre os funcionarios do Concello ou mesmo pechar instalacións deportivas e centros sociais.
Isto último, por agora, "non é unha posibilidade que estea contemplada" pero, segundo Gulías, dependerá das recomendacións das autoridades sanitarias.
Ante esta crise, o Concello quixo ademais manifestar "todo o noso apoio" aos traballadores da sanidade pública galega e trasladar á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado que están "á súa disposición" para colaborar nas medidas que se deban tomar.