O comité de empresa de Ence recoñece que a Xunta e a empresa "están a mirar cara outro lado" e pide implicación ao Goberno estatal

Pontevedra
02 de marzo 2021

O comité de empresa da fábrica de Lourizán que preside Antonio Lafuente afirma, tras o seu encontro co delegado do Goberno Javier Losada, que está preocupado pola "indefensión" en que se atopa o persoal polas decisións políticas e empresarias que se están a tomar ao non contar coa continuidade dos postos de traballo

Representantes do comité de empresa de Ence PontevedraViva

Tras o encontro telemático mantido entre representantes do comité de empresa de Ence e o delegado do Goberno Javier Losada, coa presenza da subdelegada en Pontevedra Maica Larriba, estes representantes sindicais da factoría de Lourizán emitían un comunicado no que explican que pediron durante esta reunión que se axilicen as reunións solicitadas cos Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica.

O comité que preside Antonio Lafuente, do sindicato CIG, trasladou tamén a situación de "indefensión" na que se atopa o persoal polas decisións políticas e empresariais que se adoptan ao non contar coa continuidade dos postos de traballo.

Sinalan que Losada se comprometeu a adiantar estas reunións e a trasladar a problemática, establecendo unha vía aberta de comunicación entre as partes.

No comunicado do comité recoñecen que "a Xunta e a empresa miran cara a outro lado", pero insisten en que o Goberno do Estado, que lidera Pedro Sánchez, debe implicarse. "Serán cómplices do que poida suceder co futuro dos nosos postos de traballo de non asumir a responsabilidade que teñen", sinalan.

O obxectivo que teñen os representantes dos traballadores da fábrica pasteira é, durante as reunións que pretenden manter con integrantes dos Ministerios e do Goberno estatal, facer un chamamento a todas as partes con responsabilidade neste conflito - Goberno de España, Xunta de Galicia e Ence, ademais do persoal da fábrica - para resolver o futuro da factoría e a continuidade dos postos de traballo.

O comité de empresa de Ence manterá nos próximos días unha reunión para establecer un calendario de actuacións tras tras estas conversacións. No comunicado non se fai referencia ás polémicas palabras do presidente do Grupo Ence Ignacio de Colmenares acusando o Ministerio de Transición Ecolóxica de querer pechar a fábrica nin sobre o risco ambiental e para as persoas que existe debido ao estado da caldeira de recuperación e caustificación.