O comité de empresa de Ence, que lidera a CIG con UXT, iniciou este xoves un novo calendario de mobilizacións para demandar que se cumpra a promesa realizada pola ministra para a Transición Ecolóxica. Tres semanas despois do encontro que mantiveron con Teresa Ribera, entenden que xa terían que darse pasos para iniciar a mesa de diálogo sobre o futuro da factoría e dos seus postos de traballo. Por este motivo concentráronse ante a Subdelegación do Goberno coincidindo coa data da toma de posesión do novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Antonio Lafuente, presidente do comité, afirma que ata o momento carecen dunha comunicación oficial que confirme algún tipo de encontro entre as distintas partes afectadas no conflito sobre a localización da fábrica pasteira.
En todo caso, recoñece que de maneira extraoficial saben que a ministra Teresa Ribera chamou ao presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, pero descoñecen en que dirección foi esa conversación. A empresa tampouco lles transmitiu ningún avance sobre o futuro da fábrica situada na ría de Pontevedra.
Lafuente afirmou que unha vez finalizada a parada anual para poñer a factoría a punto, agora manterán encontros co persoal da entidade para iniciar mobilizacións co obxectivo posto en forzar esa mesa de diálogo ante o temor que teñen polos seus postos de traballo.
O representante sindical sinala que a prórroga para a permanencia de Ence depende dunha decisión xudicial que ditará a Audiencia Nacional, pero demandan un encontro entre todas as partes para buscar solucións despois da tensión xerada en relación co artigo 18 da Lei de Cambio Climático.