O comité de empresa de Elnosa acusa a Lores de mentir sobre o que precisa a fábrica para seguir na ría

Pontevedra
10 de novembro 2015

Alegan que o PXOM de 1990 non recolle a necesidade dun plan especial (PERI) para Elnosa como si afirma o alcalde de Pontevedra. O comité presentou este martes a solicitude para intervir no pleno da Deputación  

José Luis García Pedrosa, de CC.OO., con representantes do comité de empresa de Elnosa PontevedraViva

O comité de empresa de Elnosa e o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, acusaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de mentir en relación aos requisitos que ten a electroquímica para permanecer en Lourizán. Fernández Lores alegaba a necesidade de que a empresa en unión con outras entidades que se atopan nesa contorna tiña que presentar un plan especial (PERI) que servise para regular a súa situación.

Con todo, o comité de empresa rexeita esta formulación alegando que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1990, que se atopa en vigor, só esixe o PERI para Ence e non para Elnosa.

Os representantes dos traballadores entenden que a empresa só tería que solicitar unha licenza municipal para acometer o cambio tecnolóxico que quere levar a cabo a dirección para permanecer en Lourizán. José Luis García Pedrosa volveu lamentar que o alcalde pontevedrés non reciba á dirección da empresa.

Pola súa banda, Avelino García, presidente do comité de empresa sinalou que o cambio tecnolóxico que a empresa promove non afectaría á extensión da factoría que seguiría sendo de 12.000 metros cadrados e tampouco supoñería un incremento da produción.

O máximo representante dos empregados de Elnosa presentou na mañá deste martes unha solicitude para intervir na próxima sesión do pleno da Deputación Provincial. Tamén teñen previsto acudir ao pleno de Bueu, o único municipio cuxo equipo de goberno evitou recibilos. Ademais, este mércores 11 representantes do comité van concentrarse ás 11.30 horas diante do Concello de Pontevedra.

Arquivado en