Cambados deixará este sábado o nivel máximo de restriciónse pasará a formar parte dos oito municipios que se situarán no nivel alto de restricións. Catro deste Concellos atópanse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas e o xa sinalado Cambados.
Nestes casos a hostalería manterase aberta ata as 21.00 horas pero só con actividade nas terrazas e cunha capacidade máxima do 50%. As reunións en exteriores están permitidas a un máximo de seis persoas.
Con eles tamén se atopan neste grupo Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros. O único municipio de Galicia que se manterá no nivel máximo de restricións será o de Lobios, despois da reunión mantida na tarde deste xoves por parte dos expertos sanitarios.
O nivel medio de restricións establécese para os municipios de Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Valga, Cangas, Moaña da contorna de Pontevedra, ademais do Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Ames, Borborás, Carral, Fisterra, Cee, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. Nestes casos, a hostalería terá unha capacidade do 50% en terrazas e dun 30% en interiores. Os bares poderán abrir ata as 21.00 horas e pode reunirse un máximo de seis persoas en exteriores e catro en interiores.
O resto de Concellos galegos manteranse nas restricións fixadas no nivel medio baixo, segundo os asesores da Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19.
PERMISO PARA SERVIR CEAS EN LOCAIS DE HOSTALERÍA
O comité clínico tamén acordou permitir as ceas ata a unha da madrugada nos locais de hostalería, independentemente de que teñan licenza ou non de restaurante. Por tanto, os bares e establecementos que ofrezan ceas poderán servilas nas mesmas condicións que os restaurantes. Isto supón que deberán contar con medidores de CO2 de forma obrigatoria.
Todas as medidas entrarán en vigor a partir das 00.00 horas deste sábado 22 de maio.