O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia propuxo que toda Galicia pase aos dous máis altos de restricións, é dicir, o nivel medio-alto e o nivel alto.
A medida afecta fundamentalmente á hostalería, que terá que pechar ás 18.00 horas en toda Galicia, tal e como estaba a ocorrer ata o de agora no concello de Pontevedra ao estar incluído no nivel medio-alto.
Este mércores ás 11.30 horas está prevista unha comparecencia de prensa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para dar conta das medidas acordadas no comité clínico que ás 22.00 horas do martes aínda seguía debatendo despois de catro horas de reunión.
O presidente detallará que restricións corresponden á hostalería cada concello, pero en canto a aforos, no nivel medio-alto permítese un 30% en interior e un 50% en exterior, mentres que no nivel alto só permítese ofrecer servizo nas terrazas á metade da súa capacidade.
Ademais, estes niveis implican que a mobilidade estaría limitada ao perímetro de cada concello e que as reunións só estarán permitidas para grupos dun máximo de 4 persoas non conviventes.