O cómico Danny-Boy Rivera será o pregoeiro do entroido de Marín

Marín
10 de febreiro 2015

Marín xa ten pregoeiro para o seu entroido. O cómico ferrolano Daniél Álvarez, coñecido profesionalmente como Danny-Boy Rivera, será o encargado de dar inicio ás festas do municipio. Así o confirmou o Concello de Marín, recordando que a súa participación está prevista para o próximo domingo 15 de febreiro, a partir das 13.15 horas

O cómico Danny-Boy Rivera, nunha imaxe promocional

Marín xa ten pregoeiro para o seu entroido. O cómico ferrolano Daniél Álvarez, coñecido profesionalmente como Danny-Boy Rivera, será o encargado de dar inicio ás festas do municipio. Así o confirmou o Concello de Marín, recordando que a súa participación está prevista para o próximo domingo 15 de febreiro, a partir das 13.15 horas.

Danny Boy-Rivera (Ferrol, 1979) quixo ser actor dende moi pequeno e comezou recibindo clases de teatro na Academia Danthea (A Coruña). Alí aprendeu teatro clásico, drama e comedia e, por consello dos seus compañeiros, acabou dedicándose á última destas disciplinas. Compaxinouno cos seus estudos de Bioloxía, outra das súas paixóns.

En novembro de 2009 gravou o primeiro dos seus catro monólogos para o programa Central de cómicos de Paramount Comedy. Ademais, púidoselle ver no Festival Internacional do Humor de Bogotá para a canle Caracol TV, de Colombia; en Se Hace Saber, un programa de sketches dirixido por Goyo Jiménez para TVE e, dende 2012 en La Oveja Negra, o seu espectáculo fixo en La Chocita del Loro de la Gran Vía de Madrid.

O pregón será previo ao gran desfile do entroido de Marín que se celebrará o mesmo domingo, a partir das 17.00 horas. Desenvolverase entre a avenida de Ourense e o parque Eguren. Un día antes, o sábado 14 de febreiro ás 16.30 horas, terá lugar o desfile infantil.

O resto da programación do entroido marinense pódese consultar neste enlace.

Arquivado en