Un colectivo de comerciantes de Marín convocou unha concentración coa finalidade de protestar polo inasumible custo da luz que deixaron as subidas de prezo nas facturas. A marcha farase este xoves 17 de marzo de 19:30 a 20:30 horas na Alameda Rosalía de Castro.
Na citación convídase a asistir a toda a cidadanía que desexe participar, tanto a nivel comercial como individual, ademais de pedir que se apague a luz durante ese período de tempo.
A iniciativa nace dun grupo de persoas que agora espera sumar máis simpatizantes en mostra do seu rexeitamento a unha situación que dificulta o crecemento do pequeno e mediano comercio, así como os labores de emprendedores, autónomos e fogares en xeral.
O Concello marinense apoiará as mobilizacións apagando as luces da fachada do edificio consistorial, o farol da Praza de España e algúns puntos da contorna da Alameda.