O Real Decreto de declaración de Estado de alarma aprobado este sábado polo Consello de Ministros, e que será de aplicación inmediata leste mesmo sábado, detalla os establecementos que poderán quedar abertos ao público durante os próximos 15 días en toda España. En Galicia, este documento deixa sen validez as medidas aprobadas o venres pola Xunta, que xa regulaban este tipo de actividades comerciais en termos moi similares.
Segundo anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dentro das medidas para tentar frear o avance do coronavirus, queda suspendida toda actividade comercial polo miúdo fóra dos comercios de alimentos, bebidas e produtos e bens de primeira necesidade, así como establecementos farmacéuticos, médicos, ópticas e aqueles dedicado á venda de produtos ortopédicos e hixiénicos.
Tamén estará autorizada a apertura de negocios dedicados á venda de prensa, combustibles, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións e alimentos para animais de compañía, así como os estancos, as tinturerías, as lavanderías, os salóns de peiteado e todo comercio por Internet, telefónico ou por correspondencia.
Con este decreto suspéndese calquera outra actividade en establecementos que poidan supoñer un risco de contacto e limitarase a permanencia en establecementos comerciais, que deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan adquirir os seus produtos. Queda suspendida, por tanto, a posibilidade de consumo os propios establecementos.
Así mesmo, evitaranse as aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade en polo menos un metro, a fin de evitar os posibles contaxios.
Ante a controversia suscitada pola decisión de deixar abertos establecementos como salóns de peiteado ou tinturerías, cabe apuntar que hai varias explicacións. A primeira é a necesidade de "non facer moito dano" ao pequeno negocio, a segunda ten que ver co impacto psicolóxico de non alterar totalmente a vida cotiá da cidadanía e a terceira está relacionada coa hixiene. Así, as lavanderías e tinturerías dan servizo ás persoas que carecen de lavadora en casa, permiten un uso industrial e dan servizo aos hospitais e os salóns de peiteado dan servizo a persoas con dificultades de mobilidade.