O comedor escolar do colexio da Reigosa, asignatura pendente en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
14 de setembro 2018

O goberno local reitera a súa preocupación ante o desinterese da Consellería de Educación en ofertar esta opción no centro situado preto do polígono industrial

Colexio da Reigosa

O goberno local de Ponte Caldelas fai un balance positivo do inicio do curso escolar e sinala que o centro urbano conta con suficientes alternativas de conciliación ao estar dispoñible o comedor escolar no colexio Cordo Boullosa, na gardería Galiña Azul, na ludoteca municipal e nunha gardería privada.

Con todo, o alcalde Andrés Díaz manifesta a súa preocupación pola falta de interese por parte da Consellería de Educación en dotar ao colexio da Reigosa dun comedor que permita esa conciliación cos pais e nais que traballan nas empresas situadas nos polígonos da Reigosa e do Campiño. 

A obra require da sinatura dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia. O goberno local está disposto a transferirlle os fondos económicos necesarios para que a administración autonómica, competente nesta materia, afronte a creación deste demandado comedor escolar.

Na carta enviada por Andrés Díaz ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xa se incluía esta petición reclamando tanto o comedor como un ximnasio digno para os escolares.