O proxecto para a modernización e mellora da eficiencia enerxética do CPI O Toural de Vilaboa deu un paso máis. A actuación avanzou coa dotación de novas ventás en varias aulas, os baños, os laboratorios e a zona de administración.
Nesta nova obra, que dá continuidade á primeira fase destes traballos, a Xunta de Galicia investiu uns 145.000 euros.
O illamento das instalacións incluíu tamén a corrección de filtracións de auga no casetón do ascensor, o soportal e o pavillón, a reparación parcial das cubertas e a instalación de novas portas con rotura de ponte térmica para incrementar a confortabilidade térmica.
Con anterioridade, xa se acometera un cambio parcial das carpintarías exteriores, substituíndo as antigas de aceiro e un só vidro por outras de PVC, vidro dobre e cámara e caixa de persiana tipo monoblock. Foi nos espazos dedicados a Educación Infantil, a biblioteca e algunhas aulas.
O delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, que visitou este luns o colexio acompañado do alcalde, César Porza, destacou que estas obras permiten deixar o centro "en perfectas condicións" e cun illamento "de primeiro nivel" para favorecer os labores educativos.