O colexio cuntiense Don Aurelio implantará o Plan Madruga a partires do vindeiro curso

Umia
09 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O alcalde, Manuel Campos, mantivo unha reunión con representantes da ANPA e confirmou que a Administración local publicará un bando explicando os detalles do plan e abrirá un período de inscrición

CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis Google

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo o pasado luns unha reunión con representantes da Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CPI Aurelio Marcelino Rey García, para abordar a situación actual na que se atopa o centro e as accións e iniciativas a desenvolver para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa. 

Logo deste encontro, Campos Velay anunciou que o Concello dará os pasos necesarios para establecer o Plan Madruga no colexio, coa idea de que entre en vigor no vindeiro curso lectivo (2024-2025). 

O Goberno municipal publicará nas vindeiras semanas un bando, no que se explicarán os detalles deste servizo. Ademais, abrirase un período de anotacións. O Plan Madruga é un servizo que ten como obxectivo axudar ás familias a conciliar mellor a súa vida laboral co horario escolar dos seus fillos, ampliando a apertura do colexio antes do horario lectivo do mesmo.

Outras actuacións que o Concello de Cuntis prevé desenvolver no CPI teñen que ver con arranxos e labores de mantemento, así como de acondicionamento exterior. Ademais, acordouse coa ANPA proceder ao pintado da aula que fai as veces de comedor escolar. 

Estas tarefas levaranse a cabo unha vez rematado o curso, coincidindo coas vacacións de verán, de xeito que o espazo estea listo para a vindeira tempada lectiva. 

Asemade, o alcalde cuntiense deu traslado aos representantes da ANPA do Aurelio Marcelino Rey García dos detalles da reunión que hai unhas semanas mantivo co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, na que se lle trasladou, entre outras demandas, a necesidade de que a Administración autonómica asuma a rehabilitación e reparación integral tanto da fachada como da cuberta do centro educativo, así como a dotación dunha nova caldeira. 

Neste sentido, Campos explicou que hai uns días técnicos da Consellería de Educación visitaron as instalacións, polo que "confiamos en que esta demanda histórica quede cuberta o antes posible".

O alcalde Campos Velay valora positivamente o encontro coas persoas integrantes da directiva da ANPA e recalcou o compromiso que ten o Concello de Cuntis á hora de ir da man coa comunidade escolar, de maneira que "poidamos, dentro das nosas competencias, intentar satisfacer as súas necesidades". O rexedor socialista deixou claro tamén que o ámbito educativo "é unha prioridade para este goberno", como así o demostran os grandes investimentos neste eido, como son os máis de 115.000 euros que se destinan ao Programa Cuntilín, un servizo de conciliación que "permite a un gran número de familias do noso concello a poder compaxinar a súa vida laboral e familiar".