Case 657.000 euros vanse a destinar durante o verán para rehabilitar o colexio Carballal de Marín, de xeito que o centro sexa eficiente en materia enerxética.
Será a empresa Ogmios a que execute estas obras que, segundo a Xunta de Galicia, teñen un prazo de execución de dous meses e medio, polo que o obxectivo é que o colexio estea en perfecto estado de cara o inicio do novo curso.
A actuación centrarase na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación na fachada de illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS.
Así mesmo instalaranse fiestras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e novas persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellorar o seu illamento térmico.
Todas estas medidas combinadas suporán, destaca Educación, un aforro enerxético anual do 24,19% en consumo de enerxía primaria e do 26,52% en emisións de CO2.
A maiores realizaranse melloras nos revestimentos e carpintería interior e repararanse e pintaranse os paramentos interiores.