O CIM de Marín lanza un programa para acabar coa fenda dixital de mulleres en situación de vulnerabilidade

Marín
19 de agosto 2021

Este departamento municipal situado na Finca de Briz ofrece formación virtual en materia de trámites administrativos a mulleres vítimas de violencia machista e atención presencial para liquidar problemas relacionados con trámites como a petición de cita sanitaria ou a selaxe da tarxeta do paro. 

Finca de Briz Juan Mejuto

O Concello de Marín, a través do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha un espazo de acompañamento sociolaboral baixo o lema " Construindo Camiños". Trátase dun recurso de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas da violencia machista e aquelas en situación de vulnerabilidade. 

A iniciativa estrutúrase en dúas accións. Por unha banda, un módulo básico de sensibilización en igualdade de 12 horas de duración. Por outro, un recurso de atención sociolaboral para mulleres con necesidades específicas no ámbito social e laboral que lles permitirá mellorar as súas competencias en cuestións administrativas que lles permitirá resolver trámites como solicitar cita médica ou selar a tarxeta do paro. 

Este recurso estará dispoñible dous días á semana, mércores e xoves, en horario de 9 a 14 horas nas instalacións da casa principal da Finca de Briz a partir do 1 de setembro.