As obras de reforma realizadas durante os últimos meses no coñecido como edificio Redeiras, na rúa Santa Clara, están a punto de rematar e permitirán que o Centro de Información da Muller (CiM) de Pontevedra teña á súa disposición un edificio enteiro.
Así o deron a coñecer este mércores desde o Concello de Pontevedra despois de que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; e as concelleiras de Igualdade e Réxime Interior, Yoya Blanco e Anabel Gulías, visitasen as renovadas instalacións.
Despois de coñecer de primeira man o novo estado do inmoble, o alcalde destacou que a cidade conta cun edificio "destinado en exclusiva a traballar polas mulleres, pola igualdade e polo feminismo".
Segundo indicou, quedan xa "pouquiñas cousas por facer" desta obra, realizada con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que financia a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado Máis Modelo Pontevedra.
A actuación, que xa entra no seu tramo final, ten un investimento de preto de 90.000 euros e permitiu adaptar todo o edificio para o CIM unha vez que o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) se mudou do edificio Redeiras ao novo local social dos Campos, en Mourente.
Con esta nova situación, o CiM duplica o seu espazo de traballo e actividade, unha situación que, segundo o Concello, "favorece contornas máis amables coas mulleres que acoden ata as oficinas, con lugares máis íntimos e seguros".
A planta baixa é agora un espazo múltiple que conta cun aseo adaptado, cociña, mobiliario de calidade e o tamaño suficiente como para poder acoller varias actividades asemade.
Ante esta nova realidade, o Concello de Pontevedra fai un chamamento a todas as mulleres e colectivos feministas que queiran e precisen un espazo de seu para traballar pola igualdade para que se poñan en contacto co Concello ou o CiM co obxectivo de usar este lugar para tales fins.
Fernández Lores tamén adiantou este martes a súa disposición a que a contorna deste edificio poida tamén vivir unha remodelación. Fala, por exemplo, da praza de José Martí, que lle gustaría que "puidera ser unha continuidade deste, lograr unha integración do espazo público cara este centro de actividade".