O ciclo integral da auga da Xunta impide o apoio unánime ao Plan Concellos no pleno provincial

Pontevedra
26 de novembro 2021

O Partido Popular decidiu absterse na votación deste punto porque entende que a redacción das bases do Plan para 2022 e 2023 "coacciona" os Concellos. A sesión iniciouse coa lectura dun manifesto polo 25N a cargo da profesora Silvia Pérez Freire e remataba cun novo debate sobre a renovación doconvenio para manter os GES de Emerxencias

Lectura a cargo da profesora Silvia Pérez Freire do manifesto con motivo do 25N no pleno provincial Deputación de Pontevedra

Con motivo do 25N, a profesora Silvia Pérez Freire encargábase da lectura dun manifesto co que se iniciaba o pleno na Deputación este 26 de novembro. A investigadora especializada en Violencia de Xénero lembrou que a loita se atopa na acción e non no discurso, polo que demandaba aos cargos públicos sensibilización sobre as mulleres invisibilizadas como sucede, explicou, no caso da prostitución. Lembrou a importancia de instaurar a medición da violencia de xénero, criticada no seu momento, para que a sociedade tomara conciencia da magnitude do problema.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, encomiou a contundencia da docente na Universidade de Vigo e facíalle entrega da peza escultórica que simboliza á camelia branca. A continuación, Ángel Manuel Rodal Almuiña tomaba posesión do seu cargo como deputado nas filas do Partido Popular, relevando a Carmen Amoedo.

A continuación, a presidenta provincial, que estaba de aniversario, abandonaba o pleno para asistir á inauguración de Culturgal e a sesión era dirixida por César Mosquera, vicepresidente da  Deputación, que utilizaba o cualificativo de "histórico" para definir o pleno ao debaterse o Plan Concellos para 2022-23 cun orzamento de 73,5 millóns de euros, que os distintos municipios executarán atendendo ás súas necesidades.

 Os municipios de menos de 50.000 habitantes contarán en 2022 con 43 millóns, aos que poderán sumar 22 millóns da Liña 1 do Plan de 2023 co obxectivo de contar con máis liquidez nun momento de dificultades económicas debido á pandemia, sinalou o vicepresidente provincial.

O Partido Popular abstívose neste punto ao entender que o goberno bipartito quere que os Concellos asuman a xestión do ciclo integral da auga da Xunta de Galicia, en lugar da propia  Deputación. Consideran que esta manobra é unha "coacción" aos municipios interesados en adscribirse á iniciativa do goberno autonómico. Carlos López Font, portavoz do PSOE, indicou que negarse a apoiar este Plan con ese argumento era "matar moscas a cañonazos" e lembrou que a Xunta cando lexisla ten que poñer os medios e non trasladar os gastos a outras administracións. Mosquera, desde o BNG, alegou que é "incompatible" que se faga un investimento tan forte destinada ao Plan  Concellos con asumir o ciclo da auga.

O pleno tamén aprobou a aplicación dos prazos de execución e xustificación do Plan Concellos 2020 por seis meses, ata xullo de 2021. Tamén se aprobaba, por unanimidade, a concertación do préstamo de 25 millóns de euros para financiar o Plan ReacPon, para albergar proxectos de 47  concellos que, entre outras propostas, supoñerán 25 actuacións en infraestruturas para garantir unha mobilidade segura.

Ademais era aprobado, tamén por unanimidade, o II Plan de Igualdade da Deputación defendido pola deputada de Igualdade, Vitoria Alonso. Esta iniciativa centrará as medidas en facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; fomentar a formación en igualdade e eliminar calquera discriminación salarial, de maneira directa ou indirecta, por razón de sexo, entre outros puntos.

Ademais do debate sobre a adscrición dos terreos que ocupa Ence ao Porto de Marín, o outro punto de tensión no pleno viviuse co debate sobre a moción do PP en relación aos Grupos de  Emerxencias Municipais (GES). Jorge Cubela, portavoz do PP, afirmou que os municipios se atopan nunha situación de incerteza ao descoñecer se a Deputación de Pontevedra renovará o convenio para manter estes equipos nos municipios, tal e como demanda a Xunta de Galicia. Carlos López Font respondeulle que desde 2018 o incremento de investimento neste tema para a  Deputación superara o 434% e que na reunión coa administración autonómica, tres deputacións negáronse a seguir aumentando as partidas aos GES. "Ya está bien de encerronas y de mentiras", afirmou o deputado socialista ao referirse ás propostas realizadas polo executivo galego sobre o tema das  Emerxencias. A proposta foi rexeitada con 15 votos en contra do grupo de goberno fronte aos 11 dos populares.