O centro histórico non volverá á "época negra dos 90", advirte o goberno municipal a PP e PSOE

Pontevedra
22 de abril 2024

Así de contundente mostrouse o edil nacionalista ante o acordo entre populares e socialistas para aprobar no pleno celebrado este luns unha moción para instar o Concello a iniciar de maneira urxente os trámites para modificar o devandito plan, o coñecido como Peprica

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal Mónica Patxot

Se están de acordo en temas "tan sensibles", como a revisión integral do plan de protección do centro histórico, advertiu César Mosquera a PP e PSOE, "pacten unha moción de censura para poñer outro goberno" porque o BNG "non permitirá que volvamos á época negra dos 90".

Así de contundente mostrouse o edil nacionalista ante o acordo entre populares e socialistas para aprobar no pleno celebrado este luns unha moción para instar o Concello a iniciar de maneira urxente os trámites para modificar o devandito plan, o coñecido como Peprica.

Esta iniciativa debateuse en presenza dunha representación da federación de asociacións de veciños Castelao, que ao comezo do debate gritaron de maneira reiterada "non a esta moción", provocando que o alcalde tivese que pedirlles que non interrompesen o pleno.

A edil Pepa Pardo, que defendeu a moción presentada polo PP, denunciou que este plan de protección do centro histórico "está totalmente obsoleto" e non responde as necesidades actuais da cidade nin se axusta á legalidade vixente.

Segundo Pardo, na zona vella hai "multitud" de locais pechados e de edificios abandonados pola aplicación "restrictiva" que se fai o Peprica, reivindicando que chegou o momento de "flexibilizar" os seus criterios, entre eles para obter as correspondentes licenzas.

"Queremos un Peprica más flexible", subliñou a concelleira do PP, para contrarrestar a imaxe do centro histórico que, ao seu xuízo, é "mejorable" e está a experimentar un "goteo continuo" de peches de establecementos, principalmente de hostalería e do lecer nocturno.

Moitos destes locais, sostivo Pepa Pardo, fixeron obras para adaptar os seus locais á normativa vixente "y ahora se encuentran con el criterio restrictivo del Peprica y reciben orden de cierre", a pesar da "convivencia pacífica" que teñen cos veciños.

O PP reclamou ao goberno municipal "que se pongan de lado de quien tienen sus negocios y quieren salir adelante", xa que reclamou que Pontevedra conte cun centro histórico "único, limpio, seguro y en el que la gente pueda tener actividad y vivir".

O socialista Iván Puentes, pola súa banda, criticou que esta fora unha moción "atrapallada", que non fora acordada cos veciños e con "boa parte" da hostalería, provocando que se xerara unha "alarma inxustificada" ante unha posible "barra libre" ao lecer nocturno.

Pero acabou mostrando o seu apoio a esta iniciativa despois de que o PP aceptase dúas emendas, unha para garantir o dereito dos veciños ao descanso e que se manteña o uso residencial como "preferente" en todo o centro histórico.

"Hai que transmitir claramente que se pode abordar esta actualización pero respectando o dereito dos veciños e apoiando a actividade hostaleira legal", engadiu Puentes, que pide crear unha comisión de traballo con técnicos municipais, políticos, veciños, comerciantes e hostaleiros.

Para o socialista, a "guerra" entre hostaleiros e cidadáns "non nos leva a ningún sitio" e optou por manter un "equilibrio" entre os diferentes usos da zona monumental.

Modificar o Peprica serviría, dixo, para frear as vivendas turísticas, regular a instalación de placas solares, poñer ramplas móbiles para garantir a accesibilidade, "non mirar para outro lado" na colocación de toldos ou empregar nos acabados materiais diferentes á madeira.

Pola contra, César Mosquera criticou que PP e PSOE "cren expectativas" de que unha revisión do Peprica "alixere" os requisitos cando, ao seu xuízo, "probablemente os vaia a endurecer", xa que lembra que hai que recoller as determinacións de Patrimonio.

Para Mosquera, a intención de cambiar este plan está motivado por un "centro descontrol" na hostalería e a "guerra interna" que hai entre eles. O problema, dixo, "está nun determinado sector con nomes e apelidos", sobre o que está a actuar a disciplina urbanística.

Solucionar estes problemas puntuais "obrigaría a levantar as restricions" e sería, engadiu, "manifestamente ilegal". Engadiu que "non me extraña" que os veciños estean preocupados porque a convivencia "está un pouco deteriorada", polo que "haberá que actuar".

O edil do BNG sinalou que "non se deberon meter nunca a abrir este melón" porque sostivo que co centro histórico "é mellor non xogar". Así, sentenciou que "non podemos abrir man porque alguén se pasou" e fixo obras que agora non se poden legalizar.