O centro educativo da ONCE en Pontevedra imparte unha sesión formativa online para un máster da Uvigo

Pontevedra
04 de novembro 2020

A xornada centrouse na discapacidade visual e a diversidade na aula e dirixiuse a estudantes do máster sobre Necesidades Específicas de Apoio Educativo que se imparte no campus de Pontevedra

Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra CRE ONCE

O Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE de Pontevedra organizou este martes unha sesión de formación para o alumnado que forma parte do máster universitario de Necesidades Específicas de Apoio Educativo que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra.  

Baixo o título “A discapacidade visual e a diversidade da aula”, abordaron necesidades específicas relacionadas coa educación desta poboación. Polas restricións da covid, a sesión celebrouse tamén por vía online. Un total de 33 estudantes realizaron unha viaxe virtual a través de 44 preguntas sobre os servizos e a intervención educativa da ONCE, o impacto da crise sanitaria actual, as súas consecuencias nas persoas con discapacidade visual e como a ONCE reaccionou fronte á pandemia. 

Especial atención mereceu o Braille xa que, tradicionalmente, o sistema e o método lecto-escritor é o máximo expoñente nesta formación.

Previamente, desde o CRE da ONCE en Pontevedra proporcionóuselle á organización do Máster un repositorio dixital documental, sobre o que traballaron os estudantes para a elaboración das preguntas que posteriormente se envorcaron na sesión de formación. 

Tamén estivo presente a voz do alumnado coa participación, a través de dous vídeos, de Iris Estévez, unha estudante deste CRE que explicou o funcionamento da máquina Perkins así como a diferenza entre utilizar un bastón e un can guía por parte dunha persoa con cegueira. As profesionais da ONCE responsables desta formación foron a pedagoga Pilar Carballo Lado e a profesora María Teresa Hermida.