O centro de saúde de Moraña duplicará a superficie cando o Concello modifique o plan urbanístico

Umia
12 de abril 2022
Actualizado: 16:36

O novo inmoble permitirá incorporar unha consulta de medicina, salas de técnicas e polivalente e consulta de docencia. A Xunta ofertará unha praza vacante de médico neste centro na convocatoria que realizará este ano mediante concurso de méritos

Sinatura do convenio para a ampliación do centro de saúde de Moraña Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vai ampliar a superficie do centro de saúde de Moraña, que pasará dos preto de 400 metros cadrados que conta na actualidade a uns 1.000 metros. 

A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde, Jose Cela, asinaron este martes un convenio de colaboración para a execución das obras, cifradas nuns 220.000 euros. Non se descarta, iso si, que se amplíe esta partida para afrontar toda a ampliación.

Esta ampliación permitirá incorporar unha nova consulta de medicina xeral e unha nova consulta de docencia para os residentes que pasen por este centro.

A ampliación, tamén permitirá a creación dunha sala polivalente e outra de técnicas, o que posibilitará realizar illamentos de persoas que cheguen ao centro con afeccións respiratorias, ademais de ter un maior espazo para a realización de probas que este centro ten capacidade de asumir por si só.

Os técnicos do Sergas acordaron que a mellor solución era ampliar o actual centro na súa planta baixa, para evitar molestias aos usuarios durante as obras, como sucedería no caso de facer a ampliación edificando un segundo andar.

Esta ampliación nun só andar necesita do movemento de dúas rúas contempladas no urbanismo e que afectan a actual parcela, por iso o alcalde e o conselleiro asinaron hoxe un protocolo no que o concello se compromete a modificar o plan urbanístico e a Xunta se compromete a realizar a obra en canto o urbanismo vixente o permita.

Este trámite, que xa foi posto en coñecemento do equipo redactor do plan, poderá demorarse un ano, segundo explicou o alcalde.

INCREMENTO DE PERSOAL

O titular da carteira sanitaria do executivo galego anunciou na súa visita que, na oferta pública de emprego que vén de realizar a Xunta para cubrir 106 prazas vacantes en medicina de primaria por medio dun concurso de méritos, incluirase a praza de médico vacante en Moraña, co que o conselleiro agarda que, grazas a esta medida, nos vindeiros meses se poida incorporar a este servizo un médico con praza en propiedade.

Mediante este sistema, as autoridades sanitarias poden cubrir vacantes "de difícil cobertura" como esta de Moraña, que se ofertou sen éxito en varias ocasións, detallou o conselleiro, "porque é un atractivo ofrecerlles aos médicos a praza en propiedade".

"Poñemos todo o que está na nosa man para que os profesionais que formamos en Galicia queden a traballar na atención primaria", subliñou o dirixente autonómico.

Ademais, García Comesaña destacou que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 destinou oito millóns de euros a novo equipamento nos centros de saúde, chegando a Moraña un electrocadiógrafo, un desfibrilador, un hólter de presión arterial ou un espirómetro.

QUEIXAS DO PSdeG-PSOE DE MORAÑA

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE lamenta a opacidade do alcalde, pois entende que se trata dun "parche". Critican que se "furta" a información á oposición e á veciñanza e confúndese o traballo serio a prol de Moraña "coa propaganda do Partido Popular". Ademais, invita ao conselleiro a acompañar os anuncios de "maquetas e proxectos arquitectónicos" con anuncios sobre o persoal que traballará nas instalacións sanitarias.

"Se nos constrúen máis salas, pero van quedar baleiras ou pechadas porque non hai médicos/as, pediatras e persoal de Enfermería, non avanzamos nada", indica Xoel Souto, portavoz do grupo municipal socialista de Moraña