O centro de saúde de Arcade cumpre "máis de 500 días" sen pediatra

Soutomaior
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O centro de saúde de Arcade leva desde novembro de 2022 sen pediatra, deixando a case 1.000 nenos e nenas sen atención pese ás numerosas queixas da veciñanza para buscar unha solución a esta situación  

Centro de saúde de Arcade

centro de saúde de Arcade leva desde novembro de 2022 sen pediatra, deixando a case 1.000 nenos e nenas sen atención pese ás numerosas queixas da veciñanza para buscar unha solución a esta situación.

A estas queixas hai que sumar as peticións do BNG á Xunta de Galicia, que "obviou as queixas e optou por poñer parches a este problema, pero que en ningún caso supoñen unha solución real", indican os nacionalistas.

A falta de pediatras durante os "máis de 500 días" provocou que "os períodos de agarda fosen de varias semanas, o que obrigou a moitos pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra para que puidesen ser atendidos", xerando tamén "problemas de conciliación" entre as familias.

Desde o BNG lamentan que esta "escaseza xeneralizada de facultativos e facultativas no conxunto da comarca provocan o colapso dos centros de urxencias, ao ter que atender casos que deberían pasar previamente pola Atención Primaria".

A concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, sinalou que "é fundamental para o noso concello contar cun servizo de pediatría que garanta a atención a todos os nenas de Soutomaior. As e os pediatras non só atenden as crianzas cando xa están enfermas, senón que o seu traballo tamén incide na prevención de doenzas antes de que estas se produzan"

Por iso, di que "é fundamental que o noso concello conte cun servizo de pediatría co persoal e recursos necesarios, que eviten que as familias teñan que desprazarse a urxencias a Pontevedra ou agardar varias semanas para ter unha cita".

Pola súa parte, o responsable local do BNG, José Costas, sinalou que "a Xunta non pode seguir poñendo parches a esta situación mentres quen máis o necesita, os nenos e nenas de Soutomaior seguen sen ser atendidos por un pediatra" e anunciou que nas vindeiras semanas "desenvolveremos varias iniciativas nas rúas, no Concello e no Parlamento para esixir solucións á Xunta, que leva demasiado tempo obviando á veciñanza de Soutomaior".