O centro de recuperación de fauna de Carballedo xa está en construción

Cerdedo-Cotobade
16 de decembro 2017

Seis meses. É o prazo estimado para a construción do centro de recuperación de fauna silvestre que Medio Ambiente impulsa en Carballedo. As obras veñen de comezar na parcela que ocupará o inmoble, fronte á actual piscifactoría

Inicio das obras do centro de fauna silvestre de Carballedo Concello de Cerdedo-Cotobade

Seis meses. É o prazo estimado para a construción do centro de recuperación de fauna silvestre que Medio Ambiente impulsa en Carballedo. As obras veñen de comezar na parcela que ocupará o inmoble, fronte á actual piscifactoría.

Os traballos comezaron coa adaptación da antiga vivenda e coa explanación do terreo da parte posterior do predio para edificar o resto das instalacións.

En concreto, un grupo de operarios está a actuar no interior da vella vivenda para preparar a súa estrutura e configurar os seus espazos de xeito acaído ás necesidades do centro de fauna, mentres que outro equipo, dotado con pá escavadora, está facendo un pequeno desmonte e aliñando o terreo da parte traseira.

A actuación, que foi adxudicada á empresa Coviastec, conta cun orzamento que rolda os 633.000 euros. 

O centro, que vai contar con dous inmobles que alcanzarán conxuntamente 840 metros cadrados, dedicarase principalmente á recuperación e coidado de aves, réptiles e outros mamíferos. 

O primeiro edificio, que disporá de 286 metros distribuídos en dúas plantas, dedicarase á recepción, tratamento e atención veterinaria dos animais. Para iso, disporá de salas de recepción, cociña, oficinas, consulta, raios X, tres UCI para mamíferos, aves e infecciosos, unha sala para crías e outra para especies exóticas.

Na primeira planta deste módulo administrativo haberá tamén vestiarios e outras dependencias para o persoal. 

O segundo inmoble, que terá 554 metros cadrados e se presenta como un módulo de recuperación, disporá de catro cámaras de voos, dúas de mamíferos, azoreiras, espazos para aves nocturnas e cámara de necropsia, así como almacéns e salas de alimentos.