O Concello de Marín facía público este mércores o balance das actuacións realizadas polo Centro de Información á Muller (CIM) durante o presente ano 2020.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, informa de que, segundo os datos achegados polo propio CIM, entre o 1 de xaneiro e o 14 de decembro de 2020 atendéronse 906 consultas de todo tipo: 186 de asesoramento xurídico, 444 de atención psicolóxica e 167 de atención directa a vítimas de violencia machista, onde se inclúen tanto cuestións xurídicas como psicolóxicas e a atención derivada doutros servizos ou entidades.
Segundo os datos recompilados nas distintas actuacións, o perfil de usuaria do CIM é maioritariamente o dunha muller de entre 25 e 54 anos, que en moitas ocasións ten persoas dependentes ao seu cargo. Tamén destaca que a miúdo non teñen fillos e, sobre todo, proceden do ámbito urbano, aínda que tamén hai algún rexistro da zona rural.
O CIM de Marín cumpre un importante labor de apoio e asesoramento desde a súa sede no 2º andar da Casa principal da Finca de Briz. Este ano, ademais, o CIM puxo en marcha unha páxina web para poder consultar diferentes recursos sobre igualdade: www.cimdemarin.es.
A concelleira de Benestar Social manifestaba que este ano foi diferente pola situación sanitaria, pero que isto non impediu que se seguisen prestando servizos asistenciais con calidade e eficacia.
Por este motivo, ao facer balance do 2020, Marián Sanmartín quixo lembrar que o pasado 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello decidiu outorgar os Premios Lazo Violeta a todos os departamentos e unidades de distintas administracións que están incluídas cando é preciso actuar nun caso de violencia machista, xa que o seu traballo foi moi importante durante a pandemia.