O Centro de Benestar Integrado de Soutomaior contará con orientación laboral a partir de setembro

Soutomaior
02 de xullo 2024

A persoa que se incorpore a este servizo prestará axuda á poboación que o requira na procura de traballo e en asesoramento de ámbito laboral

Centro de Bienestar Integrado de Soutomaior Concello Soutomaior

O Centro de Benestar Integrado de Soutomaior dispoñerá a partir de setembro dun servizo de orientación laboral. A persoa que se incorpore a este servizo prestará axuda á poboación que o requira na procura de traballo ou en asesoramento de ámbito laboral.

Esta praza será posible grazas a unha subvención da Xunta de 28.000 euros obtida polo Concello de Soutomaior, coa que se cubrirá boa parte da contratación do posto. O alcalde, Manuel Lourenzo, ademais de felicitar o traballo realizado para conseguir esta axuda económica, aproveitou para destacar a posta en marcha do Centro de Benestar Integrado fai menos dun ano.

"Tanto o Centro de Información á Muller como os Servizos Sociais prestan un servizo moito mellor e máis áxil desde que forman parte do Centro de Benestar Integrado. Ademais, as persoas usuarias destes servizos contan con moita máis intimidade e privacidade" sinalaba o alcalde de Soutomaior.