O catripartito de Sanxenxo escenifica a súa unidade antes do pleno de investidura

Sanxenxo
12 de xuño 2015

Gonzalo Pita será o novo alcalde de Sanxenxo en virtude do acordo asinado polo seu partido, SAL, e as formacións de PSOE, BNG e Sanxenxo Pode apostando por "un goberno máis participativo, máis próximo e onde haxa máis transparencia". Pita recoñece que o "apoio institucional" que solicitaba ao popular Telmo Martín "chegou tarde"

Escenificación do pacto cuatripartito en Sanxenxo PontevedraViva

Unidos e co obxectivo claro de "intentar cambiar xestión e apostar por un goberno máis participativo, máis cercano". Así se presentaron ante os medios de comunicación os nove concelleiros de SAL (4), BNG (3), PSOE (1) e Sanxenxo Pode (1) tras pechar un pacto de goberno que deixa fose da alcaldía ao Partido Popular de Telmo Martín.

Esas palabras de Gonzalo Pita, candidato de Sanxenxo Agrupación Liberal e próximo rexedor en virtude do acordo catripartito, escenifican un cambio que se confirmará este sábado coa formación da nova corporación municipal.

Tras uns días de negociacións, nos que SAL tamén se reuniu con Telmo Martín, o pacto de goberno pechouse o pasado día 8 de xuño. Despois desa data Martín volveu poñerse en contacto co partido independente "entendo que nun intento de desesperación", sinalou Gonzalo Pita.

O previsible novo alcalde entende que "o apoio institucional que nun principio eu solicitaba (al PP) chegou tarde e a decisión estaba tomada, eu non son un cambiachaquetas", explicou.

A transparencia será un dos puntos clave do novo mandato coa intención de "que os veciños se sintan orgullososo da xestión e o tratro por parte dos representantes do goberno". Por ese motivo unha das poucas medidas do programa conxunto que xa desvelaron é a petición dunha auditoría ás contas do Concello para coñecer o seu estado e as causas xudiciais abertas que poden condicionar os presupostos.

Neste sentido Pita apuntou que a situación económica "pode marcar o futuro económico do Concello e polo tanto queremos saber de que punto partimos, telo claro e ensinarllo aos veciños".

A repartición de funcións desvelarase unha vez quede composta a nova corporación municipal, se ben os catro partidos que terán representación no goberno creen que "as diferenzas ideolóxicas non teñen que ver cos obxectivos" e que o programa pactado recolle "un 80%" das propostas defendidas por todos eles durante a campaña.

Por último Gonzalo Pita saíu ao paso dalgunhas críticas recibidas sinalando que "a pesar de que moita xente pense que se vai acabar o mundo, eu creo que é o contrario, depois do PP segue habendo vida e penso que é a hora de que demos un escarmento a todos os que pensan que o poder é capaz de estar por encima de todas as cousas".

Trátase, resumindo, de "cambiar as cousas entre todos", sinalaron os implicados nunha rolda de prensa celebrada este venres na sede de Nauta Sanxenxo.

Arquivado en